Que din os candidatos?
Goberno
- Como pensa que afecta a ideoloxía á xestión dunha institución como a Universidade?
- Consideramos que a Universidade da Coruña, en tanto que servizo público de educación superior e investigación, debe ter unha xestión eficiente e transparente. O seu carácter público ten implicacións claras no sistema de
financiamento, cuxa orixe debe ser esencialmente pública financiada cos impostos de toda a cidadanía. Isto é indubidablemente unha opción ideolóxica..
- Pode considerarse que a ideoloxía afecta a todo en xeral, mais non é o único elemento a considerar, pois o que é fundamental é a boa xestión. Unha ideoloxía determinada pode predicar certo tipo de medidas mais se non se xestionan ben poden ser simplemente un tirar os cartos por boas que sexan as intencións de quen goberna.
- Nunha candidatura como a nosa, plural, poden convivir moi distintas sensibilidades ideolóxicas, pero que comparten unha visión semellante acerca da nosa universidade. Doutra banda, a xestión non é tampoco un fin en si mesma, senon o conxunto de todas as actividades (de recursos humanos, materiais, administrativos, económicos, legais, etc.) que deben realizarse para a exitosa consecución duns fins. No noso ámbito, que é a Universidade, a xestión debe estar orientada cara a unha verdadeira política universitaria, isto é, a que a institución desenvolva os fins que a sociedade nos demanda como institución de ensinanza superior.
- Se o concepto de ideoloxía fai referencia á política, non é desexable que esta interfira na xestión ou nas actuacións da Institución. A Universidade é una institución de servizo público e, como tal, apolítica. Sen embargo, cada un de nós, en tanto que exercemos o noso lexítimo dereito á cidadanía, temos opinión, ideoloxías e posturas propias ou compartidas. É lóxico, natural e desexable para unha sociedade sa. Queremos unha Universidade que sirva aos seus fins fundacionais, non que sexa a plataforma de conveniencia dunha ou doutra ideoloxía. Entre as propostas que sometemos ao escrutinio da comunidade, está o propoñer despolitizar os ámbitos de xestión, toma de decisión, representación ou uso dos medios institucionais da Universidade. A nosa relación cos partidos políticos debe de ser cordial e, na súa condición de xestores de fondos públicos, de demanda do que en xustiza nos pertence.
- En ningún caso teñen que ver unha e outra cosa. Aquí estase a falar de Universidade, de formación de alumnos, de investigación e de transferencia de coñecementos. De ser unha parte importante da sociedade, de devolverlle o moito que invirte en nos en forma de cultura, divulgación e de mozos e mozas ben preparados que nos fagan avanzar como pais. Está claro que cada persoa da universidade terá a súa, pero nunca se lle preguntou a ninguén deste equipo con idea de excluilo, nin se fará no futuro. Todas as ideoloxías están representadas nas persoas que estamos a traballar xuntas en IRU e isto non foi ningún problema. Neste entorno universitario a ideoloxía que nos ten que mover é a do ben común e a da mellora continua da nosa institución.
- Estaría disposto a fusionar as universidades do SUG (Sistema Universitario de Galicia)? Se for así, comprométese a levar a cabo iniciativas institucionais con esta fin? Cales?
- Non. Temos unha lei aprobada por unanimidade no parlamento galego que establece os cauces de colaboración necesaria dentro do SUG e nese camiño, o da cooperación, é no que hai que seguir avanzando.
A cooperación é o camino onde as tres universidades públicas galegas temos necesariamente que atoparnos. Cómpre desbotar un marco de competencia, xa que é claramente inapropiado. A fusión hoxe por hoxe tampouco semella un método para gañar en eficacia e en eficiencia. Para fomentar a colaboración seguiremos a impulsar os títulos interuniversitarios, as redes de investigación e a participación nos campus de excelencia.
- Non, a Univerdade de Santiago dividiuse porque era ineficiente xestionar una universidade tan grande. Penso que non ten sentido fusionalas e ademais penso que sería antieconómico pola complexidade que supoñería. O esquema de aforro debe vir da especialización e a colaboración das tres universidades e de compartir recursos e certos programas, non da fusión.
- Queremos deixar clara cal é a nosa posición en relación coa posible fusión das tres Universidades públicas do SUG. A UDC e a UVigo creáronse en 1989 por segregación da USC e a reintegración das tres universidades podería ter sentido inmediatamente logo da segregación e ata algúns anos máis tarde, pero neste momento é absolutamente inviable. A UDC actual e a que emerxeu daquel proceso non teñen xa nada en común e o resultado da fusión sería unha institución excesivamente grande e complexa, moito máis difícil de gobernar, e con innumerables duplicidades e inconsistencias internas. Por iso non contemplamos esta posibilidade.
- Nos últimos tempos, a rebufo do que sucedeu coas caixas e os bancos, suxeriuse esa posibilidade. Non se pode establecer un paralelismo. Nin por aproximación. O argumento central dos que propoñen fusionar as universidades é a redución de gasto público. Sen embargo, débese dicir que o diñeiro que recibe a Universidade non é gasto, senón inversión: inversión de persoas, inversión de futuro. Hai que facer ver aos políticos (e á sociedade) que isto é así, pero para elo debemos estar todos convencidos e non darlle oportunidades en sentido contrario. É evidente que a UDC e, en xeral, todas as universidades, deben expor un exercicio de realismo, con racionalización de gastos, mellor rendición de contas, maior creatividade e moitas outras cousas. A reordenación do SUG, ou mellor dito, o redeseño do SUG, é unha materia pendente. Agora ben, non compete á nosa Universidade (nin ao seu reitor) o ser proactivo con todo aquilo que supoña (ou poida supoñer) un menoscabo nas nosas capacidades ou expectativas. Polo tanto e, para concretar a resposta da pregunta, estamos dispostos a traballar na optimización e na mellora do SUG, pero non na liña que se suxire. En calquera caso, como compromiso explícito, calquera iniciativa promovida dende a Consellería correspondente sería oportunamente informada e debatida nos órganos colexiados correspondentes. A mellor forma de evitar este perigo é compartir os nosos obxectivos como Universidade.
- Como xa comentamos no blog nunha reciente entrada non estamos a favor destas fusións que van en contra do espírito de Bolonia, plan que tanto costou implantar, de competencias, traballo do alumno e grupos reducidos. Non vemos as vantaxes de voltar a grandes Universidades de titulacións masificadas, nin os posibles aforros que profetizan desas unificacións.
Non se farán, por tanto, iniciativas institucionais.
- Se no Consello de Universidades houbese a proposta dunha suba das taxas por riba da inflación, cal sería a súa posición? Aposta por aumentar as taxas para financiar as bolsas?
- Promovimos a conxelación das taxas universitarias, e no Claustro, no Consello de Goberno e no Consello social, a proposta foi aprobada por unanimidade. Esa foi e seguirá a ser a nosa postura. Os cidadáns pagamos os servizos públicos cos nosos impostos: máis que subir as taxas, a política fiscal tería que ser máis progresiva.
- A universidade pública ten que xogar un papel de equilibración social e fomentar a igualdade de oportunidades. Ten que garantir que os estudantes de clases populares podan chegar a ter a mellor formación posible.
Dito isto, que é prioritario, non me parece lóxico que malos estudantes podan estar 10 anos na universidade porque a matricula non é demasiado cara. Iso fai que cos impostos de todos, incluídas as clases populares con fillos que non rematan o bacharelato e por tanto non van a universidade, se este a financiar unha universidade pública da que se benefician so as clases medias e altas, incluso aqueles con fillos que teñen baixo rendemento. En todo caso esta política non a marca o Reitor da universidade así que non considero que sexa relevante para a campaña.
- Votaríamos contra tal proposta. E, desde logo, non pode tampouco condicionarse a financiación das bolsas ao incremento das taxas.
- A Universidade non é libre de fixar as taxas que percibe nos estudios oficiais. Nin sequera é competencia da Comunidade Autónoma, se non da Conferencia Xeral de Política Universitaria. A tendencia nos últimos anos foi manter as taxas, incrementándoas co valor do IPC. En relación coa pregunta, a resposta é que a Universidade defenderá, onde corresponda facelo (Consello Galego de Universidades e Consello de Universidades) o criterio de conxelación das taxas. Non obstante, por lealdade institucional, acatará (como non pode ser doutro modo) a legalidade vixente. O noso programa non avoga polo incremento das taxas. Nin sequera co fin de dotar máis ou mellores bolsas. Non convén esquecer que as penalizacións económicas son ás familias, e non é momento de agravalas coa subida de taxas.
- Non estamos a favor da suba das taxas e defenderemos sempre tódalas opcións para facilitar o acceso a universidade de tódolos alumnos que teñan interese en cursar unha carreira universitaria. Non sería consecuente subir as taxas que pagan os alumnos para despois incrementar a dotación das bolsas deses mesmos alumnos. É necesario que a universidade pelexe pola súa financiación, tanto perante a Xunta de Galicia, como noutros sectores menos traballados ata o de agora coma grances empresas galegas, nacionais e internacionais, á posta en valor dos traballos de investigación con patentes ou desenrolo de empresas de base tecnolóxica. Aquí deben estar os nosos ingresos e non nas taxas dos alumnos.
- Considera que a universidade debería tender a ser gratuíta?
- Si. Como todos servizos públicos, con financiamento suficiente por parte do Estado e das comunidades autónomas. Existen experiencias de países do noso contorno onde isto é así e funciona correctamente (pensemos nalgúns länder alemán). Non pagar taxas non significa que sexa gratuíta, senón que implica que toda a sociedade, a través dos impostos, cobre o custo deste servizo público tan importante para a cohesión social.
- Penso que a universidade debería ser gratuita como xa pasa noutros países europeos como Suecia e Alemania. Pero como xa expliquei na miña resposta anterior, isto exixe endurecer as normas de permanencia.
- Sen dúbida é esta unha cuestión delicada, pois se presta a dar unha resposta demagóxica na procura do voto, sen explicala razonadamente.
A nosa posición é que a Universidade debe camiñar progresivamente cara a gratuidade, coa mesma naturalidade co que no pasado foise convertindo en gratuito o ensino secundario: isto, que hoxe nos parece o normal, non o era hai relativamente pouco tempo. Nun horizonte a medio prazo, a universidade debe tender á gratuidade, pero isto obriga a unha sorte de contrato entre a sociedade, que cos seus impostos corre cos gastos, e o estudante, que debe aproveitar eses recursos que a colectividade que o rodea lle proporciona.
Mentres non chegue esa desexable gratuidade, cómpre facilitar o acceso á universidade aos menos favorecidos económicamente; esta protección seguirá sendo precisa aínda na situación ideal da gratuidade absoluta, porque, non nos engañemos, o coste das matrículas universitarias, aínda que poidan parecer elevadas, non son senón unha parte moi cativa do coste que para o estudante e a súa familia supón acceder a este tipo de estudos.
- Esta cuestión pon sobre a mesa unha interesante ambigüidade. Como nos gustaría que foran as cousas? Como son, en realidade, as cousas? A educación (incluída a universitaria) é un dereito, e facer posible o acceso á educación, unha obriga dos estados. Ninguén, por limitacións económicas (ou de calquera outro tipo) debe ser privado do acceso á mellor educación que un estado sexa capaz de dispensar. Agora ben, o mundo real (do que non nos podemos disociar), para que o sistema funcione, debe de ser sustentable, xa que do contrario é imposible que poida alcanzar os seus fins sen sacrificar outros elementos do, así chamado e insuficiente, estado de benestar. Debemos aspirar a que o acceso á Universidade non sexa privativo dunha parte da sociedade. Pero tamén debemos aspirar a que a Universidade desenvolva os seus fins (docencia e investigación, investigación e docencia) nas súas mellores condicións. Por todo elo, oxalá que chegue a ser gratuíta! Mentres iso non poida ser así, debemos de facer o que poidamos para garantir o seu acceso e o posible por coidar o noso patrimonio, que é o de todos. Polo momento, considero que a Universidade pública ha de ter prezos públicos, sen caer na tentación de usalos como modo de ingreso.
- En estes tempos de crise esta pregunta ten unha compoñente bastante utópica. Está claro que os recursos non son ilimitados, polo que sempre hai que priorizar. Neste caso, no eido dos alumnos, inda que claro que queremos facilitar no posible a parte económica das matrículas, non pensamos que, a curto prazo, sexa posible unha educación universitaria completamente gratuíta.
- Estaría disposto a ceder máis competencias á Xerencia, coa fin de profesionalizar a gobernanza da Universidade?
- O goberno da Universidade é democrático e participativo, segundo a LOU. A xerencia é parte do equipo reitoral. Neste sentido, a xerencia debe ser un instrumento clave para gañar en eficiencia na xestión. Neste punto, o potenciamento da formación entre o PAS e da administración electrónica pode ser moi útil para avanzar no camino da mellora dos procedementos para facelos máis áxiles.
- As competencias de xerencia e a prof a esionalización da xerencia son cousas diferentes. As competencias da xerencia están marcadas nos estatutos e ter una xerencia profesional non require que teña mais competencias.
- Queremos potenciar e profesionalizar a xestión da UDC, de xeito que o bo funcionamento dos servizos estea garantido con independencia de cal sexa a composición do equipo reitoral.
Teño comentado repetidamente que a Universidade ten unhas dimensións moi considerables (polo número de traballadores, pola magnitude dos seus orzamentos), ás que se engade unha grande complexidade interna que fai preciso contar cun xerente con capacidades semellantes ás que se esixiría a un executivo de altísimo nivel na empresa privada. Cremos, por tanto, que é necesario contar cun xerente con perfil de alta dirección, e reforzar esta figura con dous vicexerentes.
- A Xerencia universitaria ten un papel claramente definido estatutariamente na estrutura e funcionamento de calquera Universidade (artigo 23 da LOMLOU). As súas funcións, entre outras, poden ser resumidas nos seguintes puntos:
- Organizar e coordinar os servizos económicos e administrativos.
- Elaborar e actualizar o inventario dos seus bens e dereitos que constitúen o patrimonio da Universidade, así como manter o seu sistema contable.
- Colaborar na elaboración dos anteproxectos de presuposto e, no seu caso, da programación plurianual, así como das normas de procedemento e execución orzamentaria.
- Elaborar a proposta de liquidación do orzamento e do resto dos documentos que constitúan as contas anuais da Universidade.
- Propor as normas para a elaboración e liquidación. Estas tarefas deben desenvolverse en coordinación co Equipo de Goberno. Dende o punto de vista competencial, non cremos que necesite atribucións adicionais. Basta con que se faga ben o que se supón que se debe facer.
Por último, vale a pena salientar que a Xerencia está ao servizo da Institución, non dun equipo de Goberno! Dende a nosa candidatura, comprometémonos a que quen ostente a súa responsabilidade será unha persoa con experiencia e formación contrastable.
- É un dos puntos do noso programa, incluir no posible ó Xerente no equipo de gobertno con máis competencias e responsabilidades.
- Considera que é correcta a actual representatividade dos diferentes sectores nos órganos da Universidade?
- É razoable, se consideramos que ten que estar dentro dos límites establecidos na LOU. Nova Luce promoveu no Claustro unha modificación estatutaria para incrementar a representación do estudantado, que pasou do 25% ao 28%; e a do Persoal de Administración e Servizos, que pasou do 5% ao 9 %.
- Penso que o problema é mais complexo que a das porcentaxes. A porcentaxe de estudantes non é alta, mais se consideramos a porcentaxe de estudantes que votan cun voto verdadeiramente informado e consciente, coido que é altísima (cada voto de estudante que vota ten mais peso en elexir un membro do claustro que o de un catedrático). Considero que temos que traballar en métodos de participación dos estudantes na vida e na política universitaria e que temos moito que facer nese ámbito. Non se trata so de mudar porcentaxes.
- En todo caso é a que a comunidade universitaria decidiu concederse no momento da modificación dos nosos estatutos. Neste momento, diante dos graves problemas que afectan á nosa universidade e que deben ser resoltos con urxencia (e á vista de previsibles modificacións na lexislación universitaria de carácter xeral), non parece oportuno propor unha reforma estatutaria.
- Unha cousa é a representatividade e outra as proporcións coa que os distintos colectivos están representados. Dende o punto de vista da representatividade, entendemos que tódolos colectivos están representados. Respecto da proporción nos órganos colexiados de cada colectivo, a lei márcanos o 51% para profesorado funcionario ou contratado fixo e doutor, co que podemos ou non estar de acordo, pero que debemos de acatar. Sen embargo, creo que hai unha representación insuficiente do colectivo PDI correspondente á comunidade de non-doutores e outros con vinculación non permanente.
- Hai unha parte que está fixada por lei, a de funcionarios doutores, a distribución do outro 49% é obxecto de opinión, non pensamos que haxa que facer cambios drásticos xa que as porcentaxes actuais permiten a representación das distintas sensibilidades, pero cremos que todo se pode falar para chegar a acordos.
- Considera suficientes o número de Claustros convocados no periodo que agora remata?
- Foron os que nos autoesiximos na reforma estatutaria. Máis que o número de sesións, hai que considerar os asuntos que o Claustro debate e, nese sentido, quero destacar a ampliación de competencias do Claustro que se produciu coa reforma que promovimos.
- Non, penso que o claustro e o máximo órgano de goberno da universidade e a mellor vía para que o goberno comunique as súas decisións, propostas etc. Debería haber moita mais actividade claustral e se chego a ser reitor comprométome a darlle mais vida e protagonismo.
- Non creo que, obxectivamente, poidan considerarse suficientes unha ou dúas sesións anuais do claustro; non, desde logo, se queremos de verdade que o claustro sexa o noso máximo órgano de participación.
- Absolutamente non. O Claustro, co Equipo de Goberno actual, perdeu o seu papel como máximo órgano de representación universitaria. Máis aínda, algunhas das competencias que retén fóronlle roubadas, como por exemplo, a de efectuar o nomeamento de "Doutores Honoris Causa". Deixouse o Claustro case morto ou ninguneado. O espectáculo do nomeamento do Valedor Universitario no último Claustro foi demoledor para a credibilidade do mesmo. Nestes últimos anos, algúns dos órganos unipersoais, coma o Vicerreitor de profesorado, usurpou competencias propias de órganos pluripersoais, coma os Departamentos de centro.
- Está claro que non. A convocatoria de só os mínimos e indispensables nas lexislaturas do rector Barja, limitan a expresión de opinións na universidade, recortan o debate e van en contra da democracia dentro da nosa institución.
- Como reforzaría a utilidade do Claustro? Estaría disposto a tomar medidas contra aqueles que o abandonan inxustificadamente antes de que remate a sesión?
- Na reforma citada, incluímos a competencia de aprobación da memoria anual de xestión do Reitor, o que na práctica supón someterse anualmente a unha moción de confianza. O Claustro tamén proba o plano estratéxico, a programación plurianual e os orzamentos.
Máis que medidas disciplinarias, cómpre convencer a todos os claustrais da importancia do seu cometido no máximo órgano de representación da comunidade universitaria.
-
Non sei se "tomar medidas contra" e o mellor modo de actuar nunha democracia. Penso que agora que esta tan de actualidade a denuncia dos déficits democráticos das institucións, temos moito que facer para que o claustro teña de verdade un papel relevante como medio para que o goberno da UDC pulse o sentir da universidade a universidade estea informada da xestión e políticas do equipo de goberno. Verdadeiramente non creo que sacar "normativas de castigo" axude nesta dirección
- Un órgano de goberno é útil se hai unha vontade real por parte de quen o preside e convoca de que sexa de utilidade. Así, os órganos de goberno deben ser verdadeiramente reunións que permitan debatir sobre os asuntos que preocupan á comunidade universitaria e nas que se adopten decisións que os membros do órganos colexiado fagan seus. Desincentívase a asistencia a un órgano de goberno cando so se tratan asuntos de trámite.
É importante tamén ter presente que os membros dun órgano de gobierno adoitan ser representantes dos distintos colectivos da comunidade universitaria e, xa que logo, adoptaron voluntariamente a responsabilidade de representar aos seus compañeiros e son plenamente conscientes da importancia de asistir ás reunións e participar nos debates. A universidade enriquécese co debate e a discusión na procura de solucións; pode ter a seguridade de que se iso se produce nos órganos de gobernó, a asistencia a eles e a presencia será unha lógica consecuencia.
- O Claustro é un elemento importante no esquema de rendición de contas: cara dentro (do Equipo de Goberno cara a comunidade universitaria) e cara fóra (dende a Institución á Sociedade). A diferenza doutros órganos colexiados, as súas sesións son públicas. É un instrumento, tamén de co-responsabilización na toma de decisións, non unha mera comparsa dun certo Equipo de Goberno. É entristecedor ver como as súas sesións se desenvolven baixo uns mínimos de asistencia, ou como certos grupos o instrumentalizan co fin de votar disciplinadamente algo que, a cotío, nin sequera se entretiveron en ler ou non nos deron a oportunidade de analizar. No Consello de Goberno (o órgano de goberno máis relevante), a situación non é moito mellor, con ausencias prolongadas dos seus membros e asistencias mínimas. Deuse o caso que, o agora cesado Vicerreitor de Infraestruturas, estivo ausente das súas sesións durante meses, sen que ninguén dera explicacións dos ámbitos da súa competencia. Se os órganos colexiados non funcionan, a Institución reséntese e a tan aclamada transparencia convértese nunha mera palabra baleira, xa que tódalas decisións relevantes, tómanse sen consultar. No conxunto, é unha situación inaceptable. Intentaremos revitalizar o Claustro (e os demais órganos colexiados). Quizais vale máis a pena recordar que a calidade de membro dun órgano colexiado da lugar a algúns dereitos e tamén obrigas, coma a de asistencia. Se a nosa candidatura gaña as eleccións, publicaremos as asistencias dos membros dos órganos colexiados. Así mesmo, consideramos a posibilidade de cambios regulamentarios (Regulamentos de Réxime Interno do Claustro e do Consello de Goberno) que garantan a operatividade (a través da asistencia dos seus membros) dos citados órganos.
- Por suposto a medida anterior de incrementar o seu número permitiría o debate de ideas e medidas, mellorando a transparencia que agora non se produce. Sobre a saída dos claustrais antes do final das sesións creemos que se debe a mala planificación dos claustros. Ó non celebrarse cunha periodicidade normal, cada claustro ten un moi denso programa que é posible abordar no horario de mañana, tendo que inda dividirse en dous días distintos como o último celebrado antes do verán. Non son necesarias medidas contra os claustrais senon contra a forma de entender Barja e o seu equipo de goberno a función do claustro.
- Ve necesario reconsiderar as funcións do Consello Social?
- O Consello Social debe xogar un papel importante como ponte entre a Universidade e a sociedade, así como contribuír na procura de fondos para a institución, fundamentalmente pola vía do mecenato.
-
A UDC ten que mudar moitas cousas e o Consello Social ten que ser "cómplice" destas mudanzas. A mais relevante e conectar mais a UDC coa sociedade á que ten que servir, tanto para formar titulados coa formación mais axeitada as demandas sociais reais, como para potenciar a transmisión de coñecemento e tecnoloxía desde os laboratorios da UDC ao mundo real. Evidentemente, o Consello Social pode axudarnos moitísimo implicandose nesta tarefa.
- Consideramos preciso manter unha comunicación permanente e fluída co Consello Social, pois este órgano debe ser o noso principal aliado en todas as frontes que enfrenta a nosa Universidade.
- As funcións do Consello Social están claramente establecidas na LOMLOU (artigo 14) e nos Estatutos. Non é necesario reconsiderar as súas funcións senón deixar de interferir nelas e que estas se desenvolvan con máis e maior intensidade, estreitando os nosos vínculos coa sociedade.
- Non vexo necesidade de cambiar as súas funcións de supervisión da actividade na universidade.
- Podería dicir tres feitos favorables da xestión de Barja?
- O saneamento das contas universitarias, a política de transparencia na xestión e a elaboración dun plan estratéxico clave para guiar a UDC durante o reitorado que agora remata.
- Sen dubida, tres e mais de tres, en 8 anos de goberno tivo mais de tres acertos, so faltaría. Mais tamén podo sinalar grandes eivas. Como cousas ben feitas podense sinlar:
- O control do orzamento que fai que non teñamos os problemas de debedas de outras universidades.
- A garantía de promoción a mais ou menos medio prazo para o profesorado que se acredite.
- O reparto de fondos direitamente aos grupos de investigación.
-
- Modificar os estatutos, establecendo a limitación de mandatos para o Reitor.
- Introducir durante o seu primeiro mandato regras de boa práctica baseadas na transparencia.
- A xestión económica, levada a cabo polos vicerreitores Anxo Calvo e Ángel Fernández Castro.
- Esta é, posiblemente, a pregunta máis difícil e a que con menos convicción podemos contestar. A chegada de Barja ao reitorado da UDC propiciou expectativas e ilusións (o cal é, en calquera caso positivo). Ser consecuente cunha postura publicamente exposta (non superar os dous mandatos) podería ser a segunda. A terceira, non me vén á cabeza.
- Non, e é por esto que é necesario un cambio na xestión da nosa universidade.
- Podería citar tres erros da xestión de Barja?
- Ao longo de oito anos á fronte da universidade, e facendo unha sa autocrítica, seguramente existen aspectos que se puideron facer doutro xeito máis apropiado.
Ora ben, dado o carácter participativo que tinguiu toda esta etapa, en liñas xerais podemos estar razoablemente satisfeitos do camiño percorrido.
En definitiva, non me corresponde a min, como integrante do seu equipo de goberno, responder esta pregunta. Son os membros da comunidade universitaria os que mellor poden valorala.
-
- A inacción xeral en promoción e defensa da UDC e dos seus grupos de investigación, que se ten traducido na caída de presenza, relevancia e prestixio da UDC entre as universidades galegas e españolas.
- A mala negociación dos planos de financiamento coa Xunta.
- A mala xestión das infraestruturas (obras sen licencia, ausencia de residencia, botellón nos campus etc.)
- Non creo oportuno responder a esta cuestión; é certo que a miña concepción de como debe organizarse a Universidade é moi diferente á do profesor Barja e o seu actual equipo reitoral, e por iso pretendo propiciar un cambio de rumbo. Mais, en calquera caso, foi o noso Reitor durante os últimos oito anos, e --do mesmo xeito que aos seus predecesores-- os membros da comunidade universitaria debemos agradecerlle que presidira a UDC de acordo coas súas propias formulacións universitarias e ideolóxicas e con honestidade persoal.
- A diferenza da anterior, con esta faltaría papel!! A primeira, o ser incapaz de imporse aos ditados persoalistas e/ou partidarios, mantendo unha negativa dinámica de bloques enfrontados, e desperdiciando recursos humanos (e materiais). A segunda, o comprometer o prestixio e o Patrimonio da Universidade mediante actuacións do equipo. A terceira, levar a cabo unha deplorable xestión no académico, en i+D+i. A cuarta…; A quinta..;…
- Entre outros consideramos moi graves:
- A perda de peso de UDC nos rankings de investigación e no Sistema Universitario Galego.
- A paralización na creación de infraestructuras necesarias.
- O caos organizativo que produce o reglamentismo e o papeleo.
- Que opina da entrada de empresas na xestión e financiamento da Universidade? (como o caso do Santander cos portátiles ou coas impresións)
- A axuda que presten as empresas debe ser incondicionada e non influír na xestión ou na política universitaria. Outro tema son os convenios ou as asistencias técnicas, que están perfectamente regulamentadas.
-
Non misturemos cousas. Unha cousa e que o Santander ofreza cousas a universidade e outra que a vaia controlar. A UDC debe tentar conseguir financiamento de outras fontes e non so da Xunta ou das taxas. Por exemplo, a universidade pode e debe conseguir que as empresas contraten a grupos de investigación da UDC para que investiguen solucións aos seus problemas, mais iso non significa "contaminarse" nin deixar que esas empresas podan ter capacidade de decidir, ou mesmo de influír, na xestión da universidade.
- Xestión e financiamento son conceptos ben distintos. Está claro que a xestión é un asunto puramente universitario; non vemos, en cambio, ningún inconvinte en que o mundo da empresa, que ao fin é un dos grandes beneficiados do noso traballo en I+D, coopere ao noso financiamento.
- A Institución nunca debe supeditar a súa autonomía aos ditados de terceiros. Tampouco debe ceder as súas competencias lexítimas, e se, por diversas circunstancias debe acudir a servizos externos, é a súa obriga, exercer a tutela correspondente. Os colectivos ao que ían dirixidas as citadas iniciativas, pertencen á nosa comunidade. A Universidade debe exercer un control efectivo sobre a prestación de calquera servizo, sen que en ningún caso este financiamento supoña a cesión de dereito algún como contraprestación.
- Hai que distinguir entre xestión e financiamento. A universidade na que traballamos e queremos é pública polo que as empresas non poden nin deben entrar na xestión, pero hai que aproveitar tódalas sinérxias que se poidan producir entre universidade e empresa para buscar financiación, basada sobre todo no valor que teñen o noso traballo e os coñecementos producidos.
- No caso de sair elixido reitor, cal sería a súa primeira medida?
- Tentar desbloquear a construción da residencia universitaria.
- Buscar un xerente, preferiblemente alguén externo con ampla experiencia en alta dirección.
- Gañe ou perda estas eleccións, a miña primeira actuación será contribuir físicamente a desempapelar a universidade, retirando a propaganda da nosa candidatura. Comezaremos logo a desempapelala en moitos outros sensos.
- Agradecer á comunidade universitaria a confianza depositada e, xunto co resto de membros do Equipo de Goberno, establecer o calendario, mecanismos e procedementos para o traspaso de poder. Inmediatamente despois de ser nomeado, invitaría aos membros de toda a Comunidade Universitaria a implicarse en este proxecto de futuro. A continuación, pediría desculpas polos últimos escándalos proporcionados dende a UDC, e tendería pontes para normalizar as relacións coa sociedade do noso entorno.
- Poñer orde. Orde nos servizos, orde na imaxe que se da da nosa universidade á sociedade e orde para que todos poidamos traballar centrados en obxectivos asumibles para levar a UDC o lugar que merece.
- Considera suficiente a promoción actual dos eventos culturais e deportivos?
- Nunca é suficiente, pero avanzamos moito e sentáronse as bases para poder desenvolver unha política cultural e deportiva ambiciosa.
- Non. Precisamente os eventos culturais e deportivos son una oportunidade de oro para conectar coa sociedade e promocionar a UDC, para conseguir fondos por sponsors, e para por en valor a UDC prestando un servizo de interese social.
- Creo que o problema non reside tanto na insuficiente promoción, que o é, senón na insuficiencia das propias actividades culturais e deportivas. Unha Universidade como a nosa debería ter un desenvolvemento moito maior no plano deportivo (ás veces a presencia do INEF fai que o deporte semelle ter unha maior presencia da que realmente ten entre os estudantes dos restantes centros). Do mesmo xeito, botamos en falla un maior eco dos acontecementos culturais que se producen na nosa Universidade, pois existe unha certa tendencia a visibilizar preferentemente aquelas actividades que parten das autoridades universitarias e desdeñar as que xurden espontáneamente entre os membros da comunidade universitaria.
- Non. Nunca é bastante se o noso obxectivo é visualizar a Institución e trasladar as nosas inquietudes. A vida universitaria ten que ser algo máis que vir á Universidade, asistir á clase e volver á casa. Débense promover todo tipo de eventos culturais e deportivos, e utilizar os recursos, dándolle uso ás infraestruturas que actualmente están moi desaproveitadas.
- Non é suficiente. Os eventos culturáis céntranse en temas moi concretos que non cadran cercanos a maioría da comunidade universitaria e, no canto do deporte, nesta universidade temos unha Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física coa que non se conta para facer un programa deportivo acorde a tódalas persoas da comunicadade universitaria. Está claro que se non aproveitamos os nosos recursos non podemos mellorar coma institución.
- Que opinión ten sobre a prohibición das festas e/ou patróns universitarios no recinto da Universidade?
- As celebracións dos patróns nunca tiveron ningún problema e seguirán a realizarse. Ora ben, nas festas debe existir un compromiso de todos e todas co contorno en que se desenvolven, coas instalacións da universidade, cun comportamento cívico dos que participan nelas, etc. Se non for así, as
consecuencias negativas destes eventos serían evidentes e inasumibles para a universidade.
-
Se teñen producido grandes descontroles que non se poden consentir. Isto non me fará popular, mais non vou dicir o que non creo por lograr uns votos. O campus universitario e as instalacións deben estar ao servizo da sociedade si, mais facilitar o botellón que xa se fai de todos xeitos moitos fins de semana non produce ningún tipo de beneficio social, todo o contrario. Agora ben iso non significa que non me pareza ben que se fagan actividades os días do patrón ou que o alumnado organice actividades culturais e deportivas de carácter lúdico. O que resulta impresentable é o botellón.
- Os espacios universitarios deben ser, lóxicamente, lugares de estudo; non obstante, iso non quere dicir, en absoluto, que non se deba permitir puntualmente a realizacións de actos culturais ou lúdico-festivos nos nosos recintos. Naturalmente, non entran dentro dos parámetros culturais que manexamos a mal denominada "cultura do botellón".
- En si mesma, a celebración lúdica de festas ou patróns non ten connotacións negativas. A forma como se materializa a celebración si pode ser problemática. Se celebrar equivale a "botellón" indiscriminado, non estou pola labor. Se celebrar implica ocio, diversión, manifestacións culturais ou deportivas, perfecto. Agora ben, é importante ter en conta que moitas veces o lugar onde se realizaron ata agora as celebracións son centros docentes e de investigación. Non son espazos lúdicos nin están acondicionados para elo. O problema é complexo, ten outras facetas cuxa argumentación sería demasiado prolixo expor. Por no estendernos, citaremos un par deles:
- O papel que ten a Universidade como eixo intelectual e de cultura na sociedade.
- A responsabilidade respecto da seguridade dos bens e as persoas nos actos que se celebran nas nosas instalacións.
- O compromiso dos organizadores e o acceso controlado poderían axudar a resolver os problemas pasados.
- Non se prohiben a celebración de festas ou patróns, o que non se debe permitir son situacións nas que a participación dun número moi grande de persoas, na sua maioría alleas á universidade poden alterar o funcionamiento normal das actividades da universidade ou por en risco as persoas ou as instalacións como xa sucedeu en anos pasados tanto na nosa universidade como na de Vigo.
- É previsíbel unha segunda volta. No caso de non acceder á mesma, a cal das outras candidaturas daría o seu apoio? E a cal ou cales non daría o apoio baixo ningún concepto, e por que?
- Como é lóxico, aspiro a pasar á segunda volta. Non tería ningún problema en apoiar calquera candidatura que defenda a universidade pública, a colaboración e o potenciamento do Sistema Galego de Universidades. Isto implica prezos públicos, o acceso en función da demanda social, un financiamento público suficiente, contribuír á cohesión social e facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades. Entendo que na docencia de calidade, na actividade investigadora e de transferencia todos estamos de acordo.
- Non daríamos o noso apoio a ningunha candidatura. Penso que eu son o candidato que pode xerar mais consenso en toda a comunidade, son o mais novo, o menos alineado politicamente e o que menos involucrado estivo no pasado da UDC. Levo moito tempo facendo unha oposición construtiva e educada a Nova Luce, non mudei de bando, por iso penso que son o mellor candidato para o cambio. Non teño inimigos senón contrincantes. Se non paso a primeira volta cada quen dos meus votantes terá que decidir que facer co seu voto pois eu non vexo nas outras candidaturas a ninguén que defenda a mesma posición que teño eu ou que sexa tan independente coma min.
- Todas as candidaturas están lideradas por compañeiros da Universidade. Con todo, nalgúns casos, non existe ninguna información sobre os seus posibles equipos de gobernó, polo que carece de sentido manifestar afectos ou desafectos cara a eles.
Ademais, aínda no caso de que o candidato a reitor e o seu equipo puidese formarse unha opinión unánime, AGORA-UDC non é un partido político monolítico sometido á disciplina de voto, nin ten unha estrutura piramidal que responde ao capricho dun líder mesiánico; somos un colectivo de profesores e PAS que reflicte un amplo abano de sensibilidades distintas e que confía contar co apoio de moitos máis que nos coñeceron durante a campaña. Nestas circunstancias non sería lícito que nos arrogásemos a capacidade de decidir, no caso dunha segunda volta, sobre o voto dun colectivo tan plural.
- Cremos que o sentido común dos membros da comunidade universitaria debe estar por enriba de calquera consigna baseada no liderato. De forma explícita, en contactos previos, tentamos –infrutuosamente- alcanzar algún acordo con outras opcións que representan unha alternativa real a Nova Luce. Obviamente, a nosa candidatura non vai a pedir o voto por Nova Luce (folga calquera explicación). Tampouco Agora/Ahora UDC constitúen unha alternativa crible. Onde estaban nos pasados 8 anos? Non son corresponsables tamén da precaria situación que vivimos agora? Non hai en ámbolos dous o apoio implícito dunha formación política? Na nosa opinión, os esforzos de converxencia entre candidaturas debían ser previos á súa formalización, aclarando o panorama por redución do número de candidatos. Así o intentamos. Unha vez expostas estas, debe de ser cada membro da comunidade quen valore as distintas opcións e vote en consecuencia. Por outra parte, creo que os pactos trala primeira volta son ficticios e só serven para repartir cargos, coma se fosen cromos. Ademais, eu pódote gustar e pódote convencer para que me votes, pero dificilmente te podo convencer para que votes a outra persoa. Votarás a quen queiras.
- Esta candidatura non se supeditará a ningún tipo de pacto estando aberta a que todos poidan colaborar ou optar con ela en primeira ou segunda volta.
Titulacións
- Cal é a súa posición ante a posibilidade de traer Medicina?
- Levamos tempo traballando na nosa proposta: lograr unha titulación de Medicina compartida, que rendibilice os recursos e as infraestruturas de que xa dispón o SUG.
- No actual contexto, onde a nivel estatal estanse a buscar duplicidades e solapamentos administrativos para tentar aforrar custes eliminándoos, apostar por unha titulación de Medicina na UDC é, non so ir contra corrente, senón irresponsábel. Afundiría o noso xa cativo orzamento que tanto precisamos para outras cousas, e teriamos a dura competencia da USC nunha posición de clara desvantaxe. Temos na actualidade alumnado que non pode pagar o segundo prazo de matricula por situacións sobrevenidas de paro na súa familia, isos son os problemas reais da xente e non ter dúas facultades de Medicina a 70 Km unha da outra.
Pola contra a excelencia dos profesionais de CHUAC e da UDC pode poñerse ao servizo da sociedade, mellorando a formación dos médicos do futuro, mediante un ciclo clínico, que permitiría un óptimo aproveitamento de recursos nun marco de colaboración institucional e interuniversitario.
- Como xa indiquei nalgunhas entrevistas, sería importante ter medicina, pero hoxe non é viable e, desde logo, non creo que haxa que montar esta titulación a calquera prezo. A experiencia de anteriores intentos de obter esta titulación foi que a UDC perdeu a exclusividade de Informática e de Obras Públicas e non sacou nada a cambio.
- Eu non vou dicir que "non renuncio á titulación de Medicina, pero antes...". EU QUERO A TITULACIÓN DE MEDICINA NA UDC, porque así o quere a Universidade, xa expresado a través dos seus órganos de representación (Consello de Goberno, Claustro e Consello Social) e así o quere a sociedade de A Coruña, Ferrol e as súas áreas de influencia; e porque a titulación que nós propomos é moi boa, ademais, para toda Galicia. Nós expomos unha Facultade de Medicina que aspira a ser referente internacional da formación dos profesionais do Medicina do futuro, que xa é o presente, propondo unha formación integrada 24 X 7 (24 horas os 7 días da semana) na actividade hospitalaria, sen masificación de alumnos (40-50 de novo ingreso cada ano) e cubrindo as carencias que se detectan na formación actual destes estudantes: coñecementos suficientes de xenómica e proteómica, de diagnóstico por imaxe en toda a súa expresión, de bioética e lexislación, de tratamento persoal e relación co paciente e familiares, de tecnoloxías da información e do coñecemento, ... etc.
Para polo en marcha contamos, polo menos, cos complexos hospitalarios da Coruña (centro de prestixio e referencia internacional en moitas das súas especialidades) e Ferrol. Tamén contamos con múltiples organismos e infraestruturas xa existentes na Universidade e no CHUAC: unha Facultade de Ciencias da Saúde, un Departamento de Medicina, un Departamento de Ciencias da Saúde, un Instituto Universitario de Ciencias da Saúde, un Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (onde se integran o CHUAC, a UDC, empresas do sector biomédico e outros organismos públicos e privados),... temos os recursos humanos e materiais para pór en marcha de maneira inmediata a nova titulación e dunha forma moi pouco gravosa para a administración, só facendo máis rendible os recursos dispoñibles.
Pero tampouco queremos forzar as cousas. Estariamos dispostos a compartir a titulación con outras Universidades do SUG, sempre que puidésemos aplicar o noso modelo de formación. Creo que isto beneficiaría enormemente, por aprendizaxe socrático ou por exemplo, ás outras Universidades que imparten coas carencias actuais xa citadas o título de Medicina e redundaría nun extraordinario beneficio grazas á substancial mellora obtida na atención sanitaria á poboación de Galicia.
- Todas as posibles novas titulacións serán benvidas sempre que dispoñamos de instalacións e dersoal docente, o cal cúmprese no caso de Medicina, pero non será unha obsesión, sendo igual o interés por calquera outra titulación, sobre todo se é única no sistema universitario galego.
- Que posibilidades ve á hora de ofertar dobres titulacións?
- Temos unha titulación dobre (ADE-Dereito) con boa acollida e bos resultados de aprendizaxe. Este curso aprobouse unha nova dobre titulación (Turismo-Ciencias Empresariais) que se implantará o próximo ano. As dobres titulacións son unha opción moi interesante para o desenvolvemento eficiente das nosas titulacións, e unha boa vía para mellorar a oferta académica da UDC.
- Moitas, mais sempre en consonancia coa demanda real das mesmas.
- Hai moitas posibilidades, especialmente porque a UDC ofrece un amplo catálogo de estudos e existen diversas posibilidades de combinalos, ben sexa dentro da mesma área de coñecemento ou áreas diferentes, sempre que esas novas titulacións ofrezan interese para a sociedade.
- Como proposta é interesante e de feito, xa hai bastantes anos que funcionan na UDC. Con todo, ofertar dobres titulacións de forma indiscriminada (a modo de cocktail académico) non é aceptable. Habería que facer estudos rigorosos e as propostas, en todo caso, deberían de partir dos centros implicados. Se os centros responsables non cren nelas, pouco sentido ten insistir na súa implantación. Eu expoño no meu programa a implantación racional de dobres titulacións.
- Pensamos que é un punto fundamental para atraer alumnos e incrementar a calidade da nosa oferta. Xa en xuño deste ano dedicamoslle unha entrada no noso blog.
- Apoiaría a apertura do catálogo de titulacións para crear novos graos e posgraos?
- Pode ser un bon momento para abrir o mapa de titulacións, mais isto non pode, de ningunha maneira, dar lugar a unha carreira entre as universidades galegas. Debe servir ao conxunto do SUG, basearse na colaboración e na cooperación entre as universidades, fuxir das duplicacións e ter como obxectivo reforzar a todas e cada unha das universidades, mellorando a nosa posición conxunta no ámbito internacional.
-
A implementación de Bolonia que se fixo en España fai que as universidades vaian poder elaborar títulos de grao e posgrao a medida das necesidades sociais e industriais do seu entorno sen mais limitacións que a calidade precisa para seren acreditados. Isto bríndanos a oportunidade de elaborar una oferta formativa diferenciada que aproveitando mellor os nosos recursos e profesorado nos facilite atraer estudante non so da nosa comarca senón a nivel internacional . Neste mesmo sentido estaremos atentos as posibilidades que xurdan de ofertar dobres titulacións que favorezan a inserción no mercado laboral dos nosos estudantes.
- A UDC ten que analizar os títulos que precisa con carácter estratéxico, preparar a súa implantación e loitar por eles en todas as instancias. Andar a darle voltas á "apertura do catálogo de titulacións" é ignorar o que ten pasado recientemente, pois xurdiron titulacións novas noutras universidades do SUG, polo que podemos denominar eufemisticamente unha "porta falsa".
- Si, cun estudo rigoroso de demanda potencial e interese social e estratéxico, para a comunidade e a Universidade. Mentres tanto, hai que facer un esforzo de optimización dos graos actualmente impartidos nas distintas universidades.
- Por suposto, como xa dixemos, dando prioridade a titulacións únicas no sistema galego e que aporten valor á nosa universidade, a Galicia e as empresas do noso entorno.
- Ten en mente titulacións demandadas, orixinais e útiles no caso de que se abra o catálogo? Podería mencionar algunha?
- Por suposto; mais as propostas teñen que plasmarse e definirse contando coa comunidade universitaria. O equipo de goberno actuará como impulsor do proceso, mais sempre en contacto cos centros, que son quen mellor coñecen as súas potencialidades. A oferta de titulacións non pode ser resultado da ocorrencia, da improvisación ou de intereses particulares, mais resultado dun proceso colectivo de reflexión, e do traballo conxunto.
-
Teño algunha mais non creo axeitado pronunciarme aquí antes de ter datos fiabeis na man da sua oportunidade
- Xa teño comentado que somos partidarios da presencia nos nosos campus do Grao en Enxeñería Biomédica, unha titulación de novo cuño e de grande proxección.
- A primeira, como se dixo, sería Medicina. Ademais, calquera proposta de novo grao debe ir acompañada dun estudo rigoroso. Non valen as ocorrencias que soen ben, como enxeñería biomédica, que poden pór en perigo aquilo que realmente queremos. Cremos que é importante traballar por ter títulos compartidos, expedidos por dous ou mesmo tres universidades galegas. Hai que establecer sinerxías con elas. Os nosos problemas son comúns ás outras universidades e hai espazo para unha mellor imbricación produtiva para todos e para a sociedade.
- Por suposto Medicina por temas de demanda a nivel galego, pero non pecharíamos a porta a ningunha opción.
- Que opinión ten dos mestrados compartidos?
- Apostamos claramente polo desenvolvemento de mestrados de calidade interuniversitarios. De feito, case o 40% da oferta actual é interuniversitaria. É unha boa solución para dispor dunha oferta especializada, e para incrementar a internacionalización das nosas titulacións. Claro que haberá que profundizar nos mecanismos de coordenación xa existentes, e tamén crear ferramentas on line que faciliten a participación dos alumnos.
- Poden ser interesantes en ocasións se están ben implementados
- A experiencia mostra que poden ser un bo xeito de promover colaboracións con outras institucións; non obstante, é preocupante a escasa capacidade que a UDC ten mostrado á hora de liderar eses mestrados, como o proba a recente concesión das mencións de excelencia.
- Como elemento de sinerxía interinstitucional, son moi valiosos. Son a manifestación de axuntar vontades e de complementar aquilo que unha soa Institución non pode (ou non debe abarcar). Ademais, permite establecer complicidades que poden achandar o camiño a obxectivos estratéxicos de maior calado. Agora ben, constitúen un reto de coordinación e de credibilidade institucional. Deben ir acompañados das dotacións económicas necesarias para facilitar a mobilidade de estudantes e profesorado. En resumo, positiva pero sen perder de vista os obxectivos propios da nosa Institución.
- Son moi interesantes no eido da captación de alumnos e a eficiencia no uso dos recursos de distintas universidades. Non se están creando máis por tódalos atrancos burocráticos no canto da matrículas, as actas, o teleensino, etc.
- Que opina das Escolas de Doutoramento? Haberían de ser propias ou compartidas?
- As escolas de doutoramento, para que supoñan un avance a respecto da normativa actual, deberán basearse na calidade, na especialización e na internacionalización. Apostamos por unha única escola de doutoramento propia que permita desenvolver os estudos de terceiro ciclo, segundo criterios de calidade e internacionalización, e por escolas especializadas compartidas con outras institucións (do SUG, da Eurorrexión, prioritariamente), ligadas a campus de excelencia (como a que se está a desenvolver no Campus do Mar) ou vinculadas á ambitos de especialización de interés estratéxico para a nosa universidade.
- Terá que haber de todo.... dependerá do caso, da nosa fortaleza no tema, da cantidade de estudantes da UDC que a demanden etc.
- Falando con absoluta claridade, se a proposta é que nos integremos nunha escola de doutoramento monopolizada por algunha outra universidade e na que estemos de imples comparsas ou convidados de pedra, é preferible tentar outras opcións.
- Pór en marcha unha Escola de Doutoramento constitúe un elemento medular na estratexia de investigación e transferencia de tecnoloxía da UDC. Como elemento de interese, basta dicir que en Europa existe unha tendencia xeneralizada ao seu desenvolvemento, existindo diversos modelos para a súa xestión (intrauniversitaria, interuniversitaria, extrauniversitaria), o seu deseño curricular (especializada, transdisciplinar, mutidisciplinar/interdisciplinar), o tamaño, etc. As características propias da nosa Institución, así como o núcleo actual de programas de doutoramento, sobre todo os que posúen mención de calidade, determinarán o que é mellor no noso caso. Como punto de partida e con posibilidades de éxito, identificamos oportunidades de establecer unha Escola de Doutoramento (propia ou compartida con outras universidades) nos ámbitos das Ciencias da Vida, as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e a Enxeñaría. Pero é necesario unha análise repousada das posibilidades, sobre todo se pretendemos implicar a elementos do sector produtivo nesa docencia especializada e de alta calidade. Hai que lembrar que será necesario alcanzar unha masa crítica de investigadores de prestixio, directores e doutorandos, así como articular mecanismos necesarios para a formación, o apoio técnico e a dirección/xestión da mesma. En resumo, as Escolas de Doutoramento constitúen unha aposta de futuro á que debemos tender, con independencia se o seu carácter é propio ou compartido.
- Son unha necesidade urxente para acabar de implentar os estudios de Bolonia. Faltan os reglamentos que desenrrolen o Real Decreto dos estudios de doutoramento e é urxente a súa implementación. Como estas escolas integran doutoramentos afíns, obviamente haberá Escolas que poidan ser propias, como no eido das enxeñerías, e outras, nas que contemos con titulacións máis específicas, deberán que ser compartidas.
- Que opinión ten sobre a polémica normativa de permanencia aprobada pola USC? Considera que o proceso de aprobación foi axeitado? Cre que hai que facer algo nesa liña? O que?
- Non consideramos apropiado nin o procedemento de aprobación nin o contido da da normativa. As normas administrativas que regulen as condicións de permanencia do estudantado, deben contemplarse no ámbito da mellora dos resultados académicos do alumnado, e negociarse previamente cos representantes estudantís. Cremos máis nos incentivos que nas medidas penalizadoras; e esperamos que medidas docentes, como os grupos reducidos, mellorarán os resultados académicos nos graos. Por outra parte, é preciso harmonizar criterios coas universidades do Sistema Universitario Galego, por exemplo, para as titulacións interuniversitarias.
- Prefiro non opinar sobre actuacións doutras universidades.
- Comprenderán que, por pura cortesía cara a unha institución veciña, non entre a facer valoracións acerca das súas decisións.
Pero, indo ao fondo do asunto, o primeiro é recoñecer que non é razoable, nin socialmente admisible (falamos no noso programa da necesidade de "Garantir a rendición de contas á sociedade do rendemento académico da nosa universidade"), que a maioría dos estudantes precise moitos anos máis dos que en teoría son necesarios para acabar os seus estudos: algo non está funcionando, e vainos niso moito máis que o noso prestixio e o futuro financiamento.
Somos conscientes de que se trata dun asunto delicado, pero non podemos escorrir o vulto e pechar os ollos ante esta realidade: hai que abordar o problema, mais non debe levarse á práctica ningunha medida ás agachadas da comunidade estudantil. Debe pensarse, neste tema concreto, que non é necesario buscar innecesarios "castigos" para o estudante, senón mesmo plantexar o problema desde unha perpectiva ben diferente e establecer un programa de estímulo, incluso económico, ao rendemento académico semellante ao que deu bos resultados noutras universidades europeas.
- As regras de permanencia son algo importante do que hai que falar. Convén non esquecer que estamos a falar de xestionar fondos públicos. Un estudante non debe estar na Universidade 15 anos para rematar unha titulación de 4,, pero dende logo, as medidas que se están tomando na USC non me parecen as adecuadas. No ámbito universitario debemos ser moi coidadosos cos conceptos e as etiquetas semánticas: un non presentado é un non presentado, non é un suspenso. Creo que é necesario crear un Consello de Estudantes, e con el é co que se terían que acordar as regras de permanencia. As penalizacións económicas ás familias non creo que sexan o modo adecuado para resolver o problema.
- Penso que calquera cambio nas normativas, esta e as demáis da universidade, teñen que ser levadas a cabo en consenso cos actores involucrados, polo tanto, non parece que na USC se fixera dunha forma correcta Sobre o contido da normativa, nos non vamos a cambiar o número de convocatorias e calquera cambio que se precise desta normativa, consultarase e consesuarase cos representantes do alumnado.
Profesorado
- Pensa nun novo programa de convocatoria de prazas de axudante por excelencia investigadora?
- O programa de prazas de axudante vinculado á excelencia investigadora desenvolveuse antes do recoñecemento da actividade investigadora no POD. Agora estamos nun momento diferente e pensamos que é máis necesario, por exemplo, un programa de prazas de axudante pensado para as titulacións/áreas que non dispoñan, polas condicións do mercado profesional, de persoal formado e acreditado que poida concursar a unha praza de profesor/a doutor permanente.
- Non sei se no actual marco presupuestario poderiamos facer una convocatoria de prazas de axudante, ou se mesmo a figura de axudante é a mais axeitada. O que si teño claro, e así consta no meu programa, é que resulta imprescindible incentivar aos grupos de investigación con medidas de ese tipo. Eu aplaudí a idea cando se puso enriba da mesa e o meu grupo mesmo beneficiouse dela,o problema foi que cando logo houbo necesidades de prazas de axudnante por necesidades docentes non nolas deron porque xa gañaramos o axudante de calidade, así que en realidade no meu departamento non gañamos nada pois déronnos como Incentivo o que teriamos conseguido de todos xeitos por necesidades docentes. Quero decir que a idea podo ser boa mais estivo mal implementada.
- Máis que pensar nun programa de prazas vencellado exclusivamente á excelencia investigadora, é preciso deseñar, para non crear falsas expectativas a moitos xoves investigadores, un programa que se apoie no binomio calidade na docencia/excelencia na investigación.
- Creo que a convocatoria previa permitiu incorporar excelentes profesores á docencia, e non vexo mal este camiño, aínda que non será exclusivo e téñense que ter en conta outras vías de ingreso á carreira universitaria sen que a excelencia investigadora sexa o único criterio.
Nós desenvolveremos políticas de profesorado propias baseadas na potenciación da carreira investigadora e docente cun criterio máis amplo.
- Está claro que a promoción do profesorado e un punto importante para á estabilización do personal xa formado, pero non se pode facer como o Vicerrector de Profesorado, o profesor Armesto, convocatorias dun número reducido de prazas de axudante de excelencia investigadora e abusar dos interinos de sustitución para docencia de grao e, sobre todo de másteer, con contratos por cuadrimestre, sen vacacións e sen estabilidade.
- No tocante á estabilidade e promoción do profesorado contratado, vai seguir mantendo a política de promoción automática cando un profesor axudante ou axudante-doutor se acredita? Sacaráselle a praza da figura correspondente?
- As liñas programáticas da política de profesorado, para os próximos catro anos, manterán o noso obxectivo primordial: a promoción mediante a cualificación. Seguiremos a facer un esforzo extraordinario que permita que todo o persoal acreditado teña a oportunidade de concursar a unha praza fixa.
- Coidado coas palabras, a promoción non é automática, o que é automático é que todo acreditado/a, cumprindo unha serie de requisitos poda chegar a promocionar nun tempo mais ou menos curto. Esa é a situación actual. No meu programa consta que apoiare a promoción do profesorado que se acredite facendo que a súa promoción sexa o mais automática posible
- É a nosa intención axudar á promoción do profesorado contratado mantendo neste punto unha política semellante á actual. Ademais, é tamén a nosa intención ir máis alá e colaborar activamente á promoción do profesorado mediante a creación dunha oficina, similar ás que xa existen nalgunha outra universidade, consagrada a colaborar co profesorado na superación dos diferentes procesos de acreditación, desde o de Profesor Axudante Doutor ata o de Catedrático; contaremos para isto coa experiencia de profesores da UDC que xa teñen colaborado con diferentes axencias (entre elas a ANECA) nos diferentes procesos de avaliación.
- Por suposto que si. O compromiso da nosa candidatura está nesa liña. Aínda que haberá que pór de relevo a dispoñibilidade de recursos e como se configura a estrutura do PDI da UDC (a cal está constrinxida polo mandato da LOMLOU).
- A resposta e que sí, como xa dixen na anterior pregunta a estabilidade do persoal xa formado é unha prioridade da nosa política de persoal.
- Nesta mesma liña, que vai pasar cos Parga Pondal e programas similares? Manterase a promesa de seguir sacándolles prazas de contratados?
- Continuaremos a realizar un esforzo extraordinario que permita ao persoal investigador Parga Pondal, e similar, ter a oportunidade de concursar a unha praza fixa. O colectivo dos profesores permanentes doutores debe constituír o núcleo fundamental do PDI da nosa universidade.
- Eu son un investigador, creo na investigación e nas vantaxes sociais, de todo tipo, que da investigación se derivan. No meu programa propoño una longa lista de medidas para incentivar aos investigadores/as individuais e aos grupos de investigación. Os Pargas Pondal, como os Ramón y Cajal etc. son un activo que debemos atesorar.
- O programa Isidro Parga Pondal foi creado pola Xunta de Galicia co obxectivo de contribuir a superar o déficit de recursos humanos do sistema de I+D en Galicia mediante o apoio á inserción, en organismos públicos e privados de investigación da Comunidade Autónoma. Concretamente, estes doutores incorporáronse maioritariamente ao sistema público de investigación, e contribuiron positivamente á captación de recursos económicos mediante distintos tipos de proxectos.
É, pois, nas Universidades onde se concentraron estes becarios, realizando na súa maioría unha investigación de calidade e aportando recursos ás mesmas. Sen embargo, a estabilización dos investigadores nas Universidades tense que realizar neste momento mediante figuras docentes que xurden polas necesidades docentes dos departamentos nos que se ubican os investigadores. É difícil, e máis aínda neste contexto de crise que nos toca vivir, xerar prazas para departamentos sen necesidades docentes. Por tanto, se os blseiros Parga Pondal obteñen as acreditacións oportunas, entendemos que a universidade debería realizar un esforzo para non truncar as expectativas xeradas e evitar perder a bagaxe de coñecementos adquiridos. Non obstanteo, esta situación non se pode manter de forma indefinida, polo que no futuro sería necesario ordear a entrada de bolseiros nos distintos departamentos, para evitar aquelas situacións nas que sexa previsible a imposibilidade de estabilización.
- Son un capital fundamental neste momento para a Universidade. Tendo en conta os criterios de financiamento actuais para as Universidades, son un dos mellores investimentos, nunca un gasto, dada a súa formación e a súa produtividade científica. Un investigador cualificado é un valor obxectivo en calquera Universidade. Non nos podemos permitir dilapidar un investimento de anos (material, en recursos humanos, económico) a partir de criterios estritamente economicistas. Se a valía dos investigadores é probada (a través das correspondentes acreditacións) a nosa aposta é vinculalos de forma permanente á nosa Institución. Así nos manifestamos no pasado e seguímolo facendo.
- Por suposto que se manterá a idea orixinal deste programa de captar investigaores de excelencia e estabilizalos, inda que o presenta Vicerrector de Profesorado, o profesor Armesto, faltara a esta promesa.
- Concorda coa contratación de figuras precarias como asociados e contratados interinos de sustitución no canto de prazas estruturais? Se son propias, cales?
- Non son tipos de prazas comparables. As prazas de asociado están pensadas para que persoal do sector privado e público poida achegar ás aulas a súa valiosa experiencia profesional.
No caso dos contratados interinos de substitución, o seu peso actual no cadro de persoal ten, en parte, un importante carácter conxuntural e está perfectamente explicado e xustificado pola convivencia de titulacións en vías de extinción cos actuais graos e mestrados.
- Ese tipo de figuras contractuais teñen unha función. O problema é que se abuse delas para cubrir prazas estruturais. Evidentemente iso non é dexesabel e eu tentarei evitalas.
- En principio, unha figura como a do interino de sustitución só debe existir na UDC, como en calquera outra institución universitaria, en casos absolutamente excepcionais, ante circunstancias extraordinarias de forza maior (falecemento dun profesor, baixa de longa duración inesperada, etc.).
Unha cuestión diferente é a do profesor asociado, figura á que queremos devolver o perfil coa que foi concebida: un profesional moi recoñecido no seu campo que pode aportar á formación dos nosos alumnos unha experiencia enormemente valiosa.
- Os profesores asociados teñen un perfil e función moi específica no contexto da LOU (ou na LOMLOU): profesionais de recoñecido prestixio que desenvolvan a súa actividade profesional principal fóra da Universidade. Como figura docente é moi valiosa e insubstituíble, sobre todo se temos en conta o perfil de moitos dos nosos centros. Por outra banda, o tema particular dos contratos interinos de substitución son unha perversión do sistema de contratación. A necesidade de substitución do profesorado (por motivos de saúde, familiares, comisións de servizo, etc.) son unha realidade cotiá que debe ser resolta sen acudir a figuras atípicas. Pola súa propia natureza, a substitución dá lugar a unha contratación temporal, que se extingue ao cesar as causas que a orixinaron. Non estamos de acordo, con carácter xeral, co remprazamento permanente de prazas estruturais, pero como xa dixen, a figura de asociado é de gran valor e imprescindible para traer á formación dos estudantes o día a día do que será a súa futura profesión.
- A necesidade que tivo o actual Vicerrector de Profesorado de convocar prazas precarias ven da falta de planificación da implantación das titulacións e o cambio a Bolonia. Non é normal non ter unha política de implantación máster, de forma que non se pode prever o número de matriculados dun máster ou do éxito que vai ter nun número de años. Se as necesidades de docentes veñen dun estudo serio da situación, as prazas necesarias, maioritariamente, serán estructurais, pero quen non fai os deberes ten que recorrer a este tipo de prazas precarias.
- Como melloraría o Plan de Acción Titorial? En concreto, na liña de evitar o absurdo de comezar en decembro e a necesidade de estabelecer unha serie de actividades mínimas.
- En principio cónstame que a maior parte dos centros inician as súas actividades de Acción Titorial na primeira semana do curso (presentan o plan na xornada de acollida, asignan o titor aos alumnos coa matrícula,...). É certo que algúns estudantes se incorporan tarde ao programa, principalmente nas titulacións que reciben estudantes da selectividade de setembro. Talvez o sistema (SUG – CIUG) no seu conxunto teña que facer unha profunda revisión dos seus calendarios e harmonizar as datas da selectividade co comezo do curso universitario nun contexto como o actual.
- O plan de acción titorial está a ter un seguimento tremendamente desigual en diferentes facultades e escolas. Penso que antes de tomar medidas ao respecto é preciso entender ben a función que esta a cumprir en cada facultade e as razóns de que sexa visto de modo tan diferente polas diferentes facultades e escolas. Temos que comezar por facer un diagnostico. Hoxe non teño esa información polo que non sei que medidas tomar xa que non se as causas de que non estea a funcionar en absoluto en algunhas facultades mentres que noutras ten moito interese.
- Tal como establecemos no noso programa electoral, propoñemos potenciar todos os instrumentos de información e apoio ao estudante, como, por exemplo, os plans de acción tutorial. Consecuentemente analizaremos os planes existentes, as súas fortalezas e debilidades (mediante a consulta cos estudantes, que son quen mellor poden apreciar eses puntos febles) e proporemos accións para mellorar o seu funcionamento.
- Tal e como está agora é absurdo. A adaptación ao EEES fíxose dunha forma precipitada en moitos ámbitos, dando lugar a disfuncións como a indicada. A figura do titor de estudos para os estudantes é un elemento interesante pero é dubidoso que con iso melloremos significativamente a implantación do EEES ou a calidade da docencia. Ademais, non tódolos estudantes teñen necesidade dun plan de tutela, polo que quizais sexa máis práctico o contar en cada centro cun cadro de persoas encargados de tutelar, no seu caso, o seguimento dos estudantes que declaren necesitalo.
- Hai moitos temas de prazos que hai que revisar. Habería que traballar para que a Selectividade se realize antes de Agosto, para que comecen as aulas en Setembro. Tamén hai problemas con datas de exames e cuadrimestres e, por suposto, que se todos os alumnos estiveran matriculados antes do comezo do curso, o PAT, e o resto de programas da universidade poderían comezar en data e con todos os alumnos na mesma situación.
Investigación
- Desde os diferentes departamentos e grupos de investigación márcase como un gran problema as trabas administrativas e burocráticas, concorda con esta análise?
- Este é un dos problemas actuais da investigación en xeral, tamén na nosa universidade. O Servizo de investigación, creado e consolidado nos últimos anos, dedicou unha parte do seu labor á avaliación da produción científica dos grupos, á xestión das convocatorias de axudas á investigación propias da UDC, e á xestión dos proxectos de investigación competitivos acadados polos nosos grupos de investigación. Malia estes avances, cómpre establecer liñas claras de actuación que permitan solventar este problema.
- Concordamos todos…mesmo está no programa de Nova Luce.
- En efecto, unha das queixas máis estendidas entre os investigadores é a excesiva burocratización inherente neste momento á xestión dos proxectos, en parte orixinada na nosa propia institución.
- Rotundamente si. A eficiencia da xestión en investigación é un hándicap notable, ao igual que o é a desconexión entre dous elementos fundamentais como son as vicerreitorías de investigación e a de transferencia tecnolóxica ou relacións coa empresa. Non se entende esa desconexión. Hai que mitiga-la carga burocrática e hai ferramentas para facelo. Actualmente, fanse trámites administrativos que multiplican por 20 o custo do que se vai tramitar, debido ao gasto burocrático.
- Completamente, non pode ser que os papeleos e os trámites administrativos sexan o principal traballo dos docentes e os investigadores. Temos que conseguir que cada persoa da universidade se dedique o que mellor sabe facer de forma que contribúa a mellora da mesma universidade.
- De ser así, comprométese publicamente a que o problema administrativo e a excesiva burocratización vai ser algo prioritario e fundamental do seu mandato?
- Neste punto o noso compromiso é total. Daráselle a máxima prioridade as medidas encamiñadas a resolver este problema. Non hai que esquecer que a defensa do servizo público implica necesariamente traballar para facelo máis eficiente a través da simplificación de procedementos, potenciamento da administración electrónica e supresión da burocracia innecesaria.
- Por suposto. Así consta no meu programa. Considéroo ademais urxente para facilitar a investigación na UDC
- Si, naturalmente; reducir a excesiva burocratización vai ser algo prioritario e non só no que toca á investigación.
- Rotundamente si. Sen reservas.
- Tal e como se pode ler noutra entrada do noso blog sobre os servizos informáticos, estamos convencidos de que a utilización eficiente das tecnoloxías da información e as comunicacións pode axudar a reducir o papeleo e facer que todas as persoas accedan da mellor maneira á información que necesitan, os materiais docentes e notas os estudantes, a información económica e administrativa os docentes e investigaores ou á información dos expedientes en formato dixital para o traballo do Persoal de administración e servizos.
- Que medidas poría en marcha para solventar a excesiva burocratización?
- En primeiro, cómpre reformular, en liña co sinalado antes, a estrutura da xerencia no tocante ao ámbito da investigación. Isto vai redundar positivamente na axilización dos procedementos da xestión da investigación. Pretendemos reforzar a xestión económica e administrativa dos proxectos de investigación, apoiando os grupos en todos os trámites que teñen que desenvolver, nomeadamente a xustificación económica dos fondos de investigación recibidos. Igualmente, reformaranse os mecanismos de avaliación plurianual dos grupos de investigación, para reducirmos a carga administrativa que supón a recompilación e a avaliación da produción científica de cada grupo.
- —ver seguinte resposta—
- O primeiro é eliminar radicalmente sistemas ineficaces establecidos na nosa Universidade. Poño un sinxelo exemplo que non toca á investigación e que calquera pode entender: cada departamento e servizo da universidade debe remitir un informe semanal á Xerencia para o control de ausencias, o que xera un inmenso papeleo que no 99% dos casos o único que ven dicir é que un PAS destinado nun determinado posto non se ausentou: e así medio cento de folios (en papel, claro está) anuais por cada servizo da Universidade. ¿Non sería moito máis sinxelo emitir unha nota electrónica informando dunha ausencia canda esta se produce?: unha, dúas, tres ou as que faga falla, pero cando suceda algo digno de mención, non para indicar que todo vai sen novidade.
Polo que toca a medidas de axilización da actual burocracia con respecto a investigación, propomos: a) Establecer procedementos áxiles de tramitación das facturas e demais trámites burocráticos que leva consigo a xestión dos proxectos de investigación. b) Axilizar a contratación de persoal contratado con cargo a proxectos, tanto en tempo como no predicible do gasto. c) Axustar os prazos de forma que se poidan realizar gastos ata o final do mes de decembro e que estea incorporado o orzamento nos primeiros días de xaneiro. No posible, a incorporación do crédito realizarase de xeito transparente ao investigador. D) Facilitar a xestión dos proxectos de investigación, introducindo novas ferramentas, como podería ser o uso de tarxetas de crédito para os proxectos e a xestión informática da investigación.
Debe terse en conta que moitas destas propostas poden tamén empregarse noutras áreas da administración universitaria, e non só no eido da investigación.
- Renovar tódolos procesos burocráticos para axilizalos, obviamente sen perder o necesario control de gasto e a rendición de contas.
Hai tantos ámbitos de actuación que non remataríamos. A burocracia asociada á xestión económica na administración pública é consubstancial. Esta agudízase coa xestión de fondos públicos, para os que hai obrigas de control, trazabilidade e transparencia. Iso podemos entendelo todos. Agora ben: os procedementos poden optimizarse ou simplificarse. Os regulamentos deben facilita-la xestión, non entorpecela. E hai que dar crédito, apoio e recoñecemento a quen traballe ben: xa sexa PAS ou PDI. Ante todo, debe imperar un sentido de proporcionalidade que, non estando exento de rigor na tramitación das cousas pequenas, non faga perde-la perspectiva do que temos entre mans. Hai que mellorar a formación do PAS nos ámbitos de funcionamento institucional e instaurar a corresponsabilidade como elemento de transparencia ao servizo da institución.
- Como comentei na última resposta, a informatización é o camiño fundamental para facilitar os trámites administrativos. Está claro tamén que non podemos estar cubrindo formularios con información repetida en solicitudes día tras día.
- Considera prioritaria a transferencia de tecnoloxía e a creación de EBTs (Empresas de Base Tecnolóxica)? Nese caso, como pensa potenciala e facilitala?
- Efectivamente, a transferencia de tecnoloxía é prioritaria e fundamental naquelas áreas científicas e tecnolóxicas que o fagan posible. Para isto, cómpre reforzar as accións de estruturación comercial para conseguirmos unha maior visibilidade e posta en valor da actividade investigadora e de transferencia dos grupos da UDC. Tamén deberemos potenciar o Servizo de Apoio ao Emprendemento e ao
Emprego da UDC e, finalmente, incluiremos as actividades de transferencia no cómputo do Plan de Dedicación Académica Individual.
Continuaremos coa prioridade dada á creación de EBTs durante os últimos anos. Esta política colocounos entre as universidades con mellores rexistros en creación deste tipo de empresas. Entre as medidas concretas de estímulo, coido que se poden salientar o incremento dos espazos dispoñibles para empresas de base tecnolóxica (EBT), o fomento da vinculación das Empresas de Base Tecnolóxica á UDC despois da súa saída do viveiro de empresas, mediante convenios específicos de colaboración e participación accionarial, o potenciamento do parque tecnolóxico e a súa consolidación como motor socioeconómico da rexión urbana A Coruña – Ferrol e, como no caso anterior, o cómputo das actividades de transferencia no Plan de Dedicación Académica Individual.
- —ver seguinte resposta—
- Como indicamos no programa, pretendemos "Promover as actividades de "spin-off" e as empresas de base tecnolóxica" (pode verse algún detalle máis na resposta á pregunta "Que medidas concretas ten pensado tomar para que a Universidade participe máis na sociedade a través das empresas da área de influencia da UDC?").
- As EBTs poden ser unha moi boa opción que hai que promover, pero tampouco é un obxectivo prioritario da Universidade comercializar produtos e servizos, aínda que sexan tecnolóxicos. E, ademais, debemos ter moito coidado de non facer competencia desleal co sector produtivo que nos financia.
A transferencia de tecnoloxía é un xeito de rendemento de contas das actividades da Universidade e a xustificación de en que e con que resultados se verificaron as inversións que recibimos (materiais, económicas, humanas). Por tanto, é un elemento transcendente e indisoluble dos nosos fins e obxectivos. Non é unha prioridade. É unha necesidade e unha obriga. Como Universidade pública que somos temos que devolver ao sector produtivo parte do que inverte en nós a través dos seus impostos e dos seus contratos e convenios. Respecto das EBTs, estas constitúen un elemento clave na transferencia de tecnoloxía ao sector produtivo. Entre as posibilidades de potenciación que barallamos está o posibilitar o tránsito bidireccional e flexible en canto á do PDI cara a EBT coa que este se vincule. Así mesmo, potenciaremos a captación de fondos cara as EBTs a partir de sociedades de capital-risco (Unirisco Galicia, Xesgalicia, InnoBan, Bang) ou do propio IGAPE. Tampouco descartamos un desenvolvemento propio, atendendo ás condicións e necesidades do sector produtivo das zonas de influencia da nosa Institución.
- Sería unha das vías de financiamento da universidade que temos que comezar a explotar. A posta en valor dos coñecementos desenrolados na universidade de todas as maneiras posibles, como rexistros, patentes, spin-off o EBTs, é fundamental no marco do I+D+i, tanto para nos parámetros de calidade das universidades como nos novos escenarios de financiamento.
- Un dos aspectos que se comenta en materia de investigación é que a OTRI é un servizo infradotado e infrautilizado. Que medidas concretas pensa tomar nese sentido en caso de coincidir co análise?
- Malia que xa actualmente a OTRI toma parte activa no programa de estruturación comercial de grupos de investigación, coidamos que é necesario que a OTRI teña unha maior implicación neste programa. Tamén a OTRI prestará asesoramento aos grupos de investigación da UDC en aspectos da comercialización como as patentes e o rexistro de software comercial.
O potenciamento de alianzas estratéxicas entre grupos de investigación da UDC e grupos de excelencia doutras universidades para concorreren xuntos a convocatorias competitivas; a creación de mecanismos de vixilancia tecnolóxica para informar de xeito personalizado aos grupos de investigación sobre as oportunidades de financiamento en convocatorias públicas competitivas adaptadas ao seu perfil específico; ou actuar de ligazón coa Oficina de Apoio á Investigación, á innovación e a transferencia situada en Bruxelas serán, entre outros, cometidos que se lle encargarán á OTRI para facela máis eficaz dentro do seu cometido.
- —ver seguinte resposta—
- O problema non radica únicamente na OTRI, senón que é preciso unha profunda reordenación das funcións dos distintos actores implicados na xestión de I+D, para ofrecer ao usuario dos servizos un sistema de "xanela única" eficaz, que permita axilizar as interaccións entre o investigador e a administración da UDC. Este tema implica a reorganización interna de toda a infraestrutura de investigación, de xeito que se axuste a uns parámetros de calidade, eficiencia e servizo que redunden na mellora dos mesmos e na simplificación e redución das tarefas administrativas e de xestión. Este punto traducirase nun mellor servizo ao PDI e nunha mellora na organización das tarefas do PAS.
Os nosos compromisos son a) Analizar, redistribuír e coordinar as funcións dos Centros Tecnolóxicos de Investigación, a OTRI, a FUAC, o Servizo de Investigación e os demais actores implicados na xestión de I+D na UDC, para optimizar os recursos humanos dispoñibles, evitar a duplicación de funcións, aumentar a eficacia e axilizar os trámites administrativos. B) A creación dunha oficina de investigación profesionalizada que manexe todos os asuntos de xestión da investigación. Esta oficina habería de incluír todos os servizos de administración, xestión e normativa que sexan necesarios para poder realizar esta actividade dun xeito completo, serio e transparente ao investigador. C) Estudar o status actual de Sociedade Limitada dalgúns dos nosos Centros Tecnolóxicos, que impide a solicitude dalgúns tipos de proxectos. D) Crear dentro da oficina de investigación un posto de enlace con fundacións e outros centros asociados á universidade, de maneira que a tramitación dos diferentes proxectos e convocatorias se leve a cabo a través da entidade que sexa máis conveniente para a mellor execución do proxecto. E) Estudar dos convenios coas diferentes fundacións ou centros asociados á universidade de acordo cos criterios europeos, nacionais e autonómicos e a súa modificación, se se estima necesaria, de forma que non existan posibilidades de invalidación de proxectos por xestión inadecuada dos mesmos.
- Nos pasados 8 anos a OTRI non xogou un papel activo na transferencia de resultados de investigación (que é o que o seu nome suxire que debe ser o seu principal papel). Con independencia da cualificación e dedicación dos traballadores dese servizo (que é alta e meritoria) non dispuxo dunha dirección/coordinación eficaz. Se nos axustamos aos obxectivos prioritarios da OTRI (tal e como quedan recollidos na páxina Web da UDC), constatamos a súa inoperancia en relación coa práctica totalidade deles. A OTRI é un instrumento de apoio aos grupos de investigación e a fiestra pública cara a sociedade. As súas actividades non poden estar descoordinadas en relación coas que se desenvolven nas Fundacións (FUAC, FEUGA, FICG, etc.) coas que a UDC ten subscritos convenios de colaboración. Neste sentido, é esencial coordinar actuacións con estas. Do mesmo xeito, polo seu interese estratéxico para a UDC, a dirección da OTRI debe ser capaz de dispoñer do coñecemento e experiencia preciso para desenvolver de maneira óptima a súas funcións, xa que o seu persoal é de primeiro nivel.
- Tanto á OTRI como o servizo de Relaciones Internacionais teñen que dar un maior apoio á Universidade no eido da petición de proxectos de investigación internacionais como na posta en valor da investigación de cara as empresas. É necesario tanto unha reorganización destes servizos e unha dotación de persoal que faga posible este apoio para que poidan xerarse os novos recursos que a universidade precisa.
- A UDC é a única universidade que mantén ao colectivo de contratados a cargo de proxecto nun limbo legal, sen integralos nin en PAS nin en PDI. Que posibilidades hai de mellorar a situación dentro do marco legal vixente?
- A problemática dos contratados a cargo aos proxectos de investigación é común a todas as universidades e está condicionada pola lexislación laboral. Nin son profesores nin persoal de administración e servizos. A UDC creou un comité de empresa propio deste colectivo que permite negociar as súas condicións laborais. Para grupos de investigación consolidados pode estudarse a posibilidade de contratación laboral indefinida, sempre que o grupo de investigación teña unha provisión económica para a rescisión de contrato, en caso de ser necesario.
- —ver seguinte resposta—
- A pregunta pode préstase a diversas interpretacións; se fai referencia á presencia de contratos con cargo a proxectos de investigación, non é posible integralos de ningún xeito no PAS nin no PDI, porque os procesos de contratación para este tipo de postos non cumpren cos requisitos esixibles na nosa universidade.
Se fan referencia á existencia de persoal contratado con cargo a proxectos subvencionados por determinadas entidades públicas (o SAE, por exemplo), cremos que non poden manterse na situación actual, con persoal que fai unha función importante dentro da UDC e que leva moitos anos nunha situación moi precaria como traballadores.
- O primeiro, concederlles todos os dereitos dos traballadores da UDC, e logo habilitar vías para a súa incorporación como PDI ou PAS, segundo corresponda.
Non é unha situación aceptable. Na medida que existe unha vinculación contractual coa Institución, deben contar con capacidade de representación dentro do colectivo no que se integren. Compre esa integración e debe ser vista coma un dereito que, ata o de agora, foi vulnerado. Dende a nosa candidatura promoveremos a integración por consideralos unha inversión e non un gasto debido á súa formación e rendemento.
- Todas. É cuestión de querer facelo, vontade que non mostrou o equipo de goberno actual.
- Que medidas concretas ten pensado tomar para que a Universidade participe máis na sociedade a través das empresas da área de influencia da UDC?
- Todas as medidas comentadas até este momento están claramente orientadas a facer que a UDC estea presente dentro do tecido empresarial das súas zonas de influencia. En síntese, tres serán os eixes vertebradores da nosa acción neste eido: o potenciamento do parque tecnolóxico, o reforzamento da OTRI como axencia de relación dos grupo de investigación co contorno empresarial da UDC e o reforzamento do Servizo de Apoio ao Emprendemento para fomentarmos o espírito emprendedor entre os estudantes e investigadores da nosa universidade.
- Todas estas cuestións estan contestadas no meu programa mais o menos coa mesa formulación. Ali apunto algunas medidas a tomar, mais en moitos casos é preciso un diagnostico mais detallado da situación antes de por en marcha unha ou outra medida. Hai que falar moito coa xente, ver que solucions teñen en outras facultades para non reinventar a roda. Mais si, hai que traballar en todos esos aspectos, e hai que facelo rápido pois o tempo corre na nosa contra. A UDC esta parada ou avanza moi a modo mentres que outras universidades corren. Canto mais tempo tardemos en reaccionar mais vantaxe nos van sacar as outras.
- É preciso potenciar a transferencia de coñecemento e as relacións de I+D non só coas empresas do ámbito de influencia da UDC, máis non renunciar previamente a extender esas relacións moito máis alá deses límites non escritos en ningures que condean á nosa universidade a non saír dos estreitos límites provinciais, so pena de invadir as supostas áreas de influencia doutras institucións. Tampouco debemos esquecer, nesa procura dunha maior participación na sociedade, na colaboración con outros organismos e institucións, tanto a través do establecemento de alianzas ou asociacións como da realización de convenios e contratos específicos.
Os nosos compromisos neste eido son: a) Potenciar relacións de investigación con empresas e centros tecnolóxicos, en especial con centros tecnolóxicos de referencia situados en Galicia, que nos permitan levar a cabo agrupacións estratéxicas de investigación. b) Fomentar os convenios e contratos de I+D e de prestación de servizos, tanto a entidades públicas como privadas, non só nos ámbitos científicos e tecnolóxicos onde xa veñen sendo habituais, senón tamén nos das ciencias sociais e humanidades. Debe superarse a percepción destas actividades como un mero medio de captación de recursos, para pasar a consideralas e estruturalas como unha ferramenta eficaz de transferencia de coñecemento. C) Crear un observatorio para o estudo da demanda de coñecemento de empresas, institucións, etc., que permita ter en conta o coñecemento derivado para estipular as liñas de potenciación necesarias na UDC. D) Potenciar o Servizo de Publicacións, que debe de constituírse nunha ferramenta que permita dunha banda a transferencia de coñecemento á sociedade, máis aló do ámbito académico, e doutra, un servizo de calidade que permita situar a marca UDC como marca de calidade. E) Promover as actividades de "spin-off" e as empresas de base tecnolóxica. F) Promover a participación dos investigadores da UDC en contratos de investigación con empresas. G) Establecer un regulamento de adicación do profesorado involucrado nas iniciativas antes sinaladas, que se engada ao xa existente para que outras actividades de investigación repercutan na carga docente das diferentes figuras do profesorado. G) Impulsar o rexistro de software e de patentes dos grupos de investigación, mellorando a xestión, ofrecendo a asistencia técnica ao longo do proceso, facilitando a prospectiva e garantindo as mellores condicións de explotación.
- As prácticas en empresas para tódalas titulacións e en tódolos cursos son unha boa vía. Tamén facilitar a xestión de I+D+i mellorará as cousas neste sentido. A contribución da FUAC e do Consello Social neste punto teñen que ser determinantes.
De xeito específico, a implicación en proxectos de interese común, o establecemento de programas de formación continua nos ámbitos empresariais de interese, e a firma de protocolos plurianuais de patrocinio.
Dar maior visibilidade ás infraestruturas singulares da UDC que poidan ser de interese para as empresas. A universidade ten que ser o Departamento de I+D+i das PEMES e daquelas empresas que non dispoñan dun propio.
- As medidas poden ser moitas e variadas, patrocinio de cátedras, participación nas EBTs, incorporación dos seus profesionais como asociados en certas titulacións, etc. É cuestión de ter imaxinación e aproveitar os recursos do noso entorno.
Relacións institucionais
- Cal é a súa opinión sobre a labor que está a realizar a actual Xunta?
- Xa manifestamos a nosa disconformidade co plan de I+D e co plan de financiamento, co voto en contra do reitor nos órganos de decisión correspondentes.
- Temos que mellorar as relacións intitucionais coa Xunta. Non nos podemos permitir outra cousa. Temos que conseguir ser interlocutores fiabeis para que nos fagan caso. Na actualidade o plano de financiamento é moi prexudicial e discriminatorio para a UDC. Modificar iso require moito traballo de facernos escoitar, xerar consenso, gañarnos o respecto. Que ninguén pense que esto se consigue tendo a cor política axeitada. O reitor de Vigo e ben visto pola Xunta por ser un reitor activo aínda que non sexa filo PP.
- A Xunta de Galicia e a Universidade son institucións con funcións e competencias claramente diferenciadas. Neste sentido non parece procedente que vertamos opinións políticas sobre o labor que desenvolve o goberno do Sr. Núñez Feijoo. Se sería procedente comentar, dado que esta é a sección de relacións institucionais, que o diálogo institucional coa Xunta foi máis ben escaso e un moitas ocasións de efectividade moi limitada. Isto conduciu a unha ausencia de visibilidade da nosa institución e un diminución alarmante do peso específico que a UDC debería ostentar en Galicia.
- Esta pregunta ten moitos matices e a súa resposta non é evidente. Refírese ao financiamento? Á súa xestión institucional? Á xestión da investigación/transferencia da tecnoloxía? Por exemplo, en I+D+i, creo que non ten una estrutura adecuada e as convocatorias sácanse a destempo facendo imposible a xestión dos proxectos.
- No entorno restrictivo de gasto parece que os recortes son previsibles. En todo caso a presentación do programa I2C é unha esperanza para o desenrrolo da investigación e a innovación na nosa comunidade.
- Como definiría as relacións actuais da Universidade coa Xunta? Mudarían con vostede? Por que?
- As relación institucionais son boas e seguirán a selo. Teremos que insistir na defensa da UDC para convencer os representantes institucionais das nosas formulacións.
- — ver anterior resposta —
- Como mencionamos no apartado anterior, as relacións institucionais son escasas e inefectivas. No noso programa electoral saliéntase a necesidade de mellorar a escasa actividade institucional da UDC, co convencemento de que poderemos facelo fundamentándonos en tres alicerces estratéxico: a) Encomendar o labor a persoas cun carácter universitario e dialogante . b) Co apoio da nosa contorna económica e social, onde han de xogar un papel os concellos que teñen relación directa coa UDC. C) Coa creación do Plan Estratéxico de Comunicación.
- Non son boas. Non hai un clima de confianza porque a lealdade institucional do equipo de goberno actual foi cuestionada. O noso compromiso é ser leal á Institución e ás administracións nas que se apoia. Non podemos ser servís e compracentes pero tampouco innecesariamente belixerantes. O equilibrio parte do respecto e a comprensión (das necesidades, das coxunturas, …), do coñecemento, da profesionalidade e da reciprocidade. Imos ser esixentes cos nosos dereitos e respectuosos coas nosas obrigas. Pero que ninguén agarde declaracións estentóreas ou loubanzas innecesarias.
- Penso que non son bóas. Se se revisa a lista de convocatorias competitivas pódese ver que a UDC sempre sale perxudicada tanto en número de proxectos como en importes totais. Está claro que a nosa universidade non se está facendo oir na Xunta de Galicia e o resultado é moi malo para a UDC. Se son escollido rector garantizo que a nosa voz será escoitada, non para esixir o que non se poida conseguir pero sí para esixir o mesmo trato que teñen as outras universidades e para poder obter explicacións razoadas de convocatorias o financiacións.
- Considera mellorábel a relación cos concellos? Como?
- Como con todas as institucións. Debemos convencelos de que a colaboración e as axudas son un investimento moi rendible dende o punto de vista socioeconómico.
- Teño no programa un apartado sobre mellora das relacións coa sociedade. A UDC non pode seguir a estar tan aillada, ten que participar moito mais activamente a todos os niveis no seu entorno. Temos que conseguir que non pase desapercibida na vida da cidade e a súa contorna.
- Este é unha aspecto intimamente relacionado co anterior, e a resposta é esencialmente a mesma. A UDC viviu moito tempo de costas aos concellos da Coruña, Ferrol e Oleiros. Iso impediu que se puidesen establecer sinerxías institucionais que deberían ser "lóxicas", e ata paralizou proxectos moi interesantes con clara vocación institucional para que a nosa universidade se abra á sociedade, como o caso do proxecto INEF-aberto, que nos propomos desenvolver. Unha vez máis, o diálogo, a colaboración permanente e os criterios de política universitaria, han de ser as liñas directoras das nosas acción.
- A resposta está na liña da anterior. Buscaremos aquilo que nos achegue e non o que nos separe, esforzándonos por articular elementos que permitan a colaboración, incluída a inmaterial. Non podemos menosprezar ao Concello de Oleiros co tema de Lóngora nin ao de Coruña co tema do edificio.
- Unha parte importante da relación da universidade con o seu entorno é a relación cos concellos como administración máis cercana. Ten que ver cos espazos nos que se ubican moitos centros da universidade, cos aparcadoiros, co transporte público, entre outros. Ten que ver, por tanto, con aspectos moi importantes da vida universitaria. Sobre como levar a cabo esta comunicación, en contra do que se está facendo agora, a idea e acudir a falar cos alcaldes nos concellos.
- Pensa manter e seguir actualizando a súa conta de Twitter e Facebook logo de gañar as eleccións?
- Si.
- Ainda non o teño decidido, imos ver que utilidade mostra ter ese instrumento para coñecer o pulso da comunidade.
- Teño a impresión que se agora dispoño de moi pouco tempo, nos vindeiros meses disporei de moito menos, polo que non sería sinceiro se afirmase que eu, como cidadán, ía actualizar periódicamente a miña conta persoal.
En cambio, considero que a universidade, con vista a acadar unha maior visibilidade, debe incrementar notablemente a súa presencia nas denominadas redes sociais e manter contas non so en Twitter e Facebook, senón tamén en Tuenti, tan efectivo entre os máis novos.
- Temos serias dúbidas respecto diso. Máis ben inclínome polo non, pero aínda non o teño decidido. Por motivos prácticos non é posible estar pendente constantemente das entradas en Twitter ou Facebook. Estas ferramentas, en relación coa campaña, son un vehículo útil para trasladar a mensaxe da candidatura. Unha vez rematada, a Institución debe poñer mecanismos ao alcance da comunidade para obter respostas ás súas necesidades, incluída a atención directa do Reitor. O tempo é limitado e as obrigas (institucionais, profesionais, familiares, persoais) abárcano todo. É mellor facer as cousas ben que, en definitiva, é o que se espera dun bo xestor.
- Xa dende antes de comezar esta carreira cara a reitoría, xa escribía o meu blog sobre relatos medieváis que podedes atopar tamén blogger. Por suposto que todos estos vehículos que estou descubrindo como modo de achegarme á xente penso mantélos. Publico en Facebook, pero Twiter é estupendo para comentar os feitos relevantes da actualidade, como agora na campaña pero si revisades os meus tweets veredes que non só falo das eleccións, tamén de outros temas universitarios en xeral.
Espazo Europeo de Educación Superior
- Brevemente, cal é a súa opinión sobre o Espazo Europeo de Educación Superior?
- A nosa posición é crítica co EEES, sobre todo co ritmo de desenvolvemento no estado español, inicialmente moi lento e cunha implantación apresurada nos últimos dous anos, con numerosos cambios lexislativos, non sempre no mesmo sentido. Con todo, a adaptación ao EEES é tamén unha oportunidade para mellorar e actualizar a oferta e as estruturas das universidades, harmonizando os nosos títulos cos das institucións europeas, con fin de facilitar a mobilidade e a proxección internacional dos nosos titulados, nun mercado laboral cada vez máis globalizado. O que non pode ser é unha coartada para introducir mecanismos distintos de gobernanza ou recortes que supoñan unha redución do servizo público da educación superior, que a supediten ao sector da educación privada ou que pretendan converter a educación superior nun negocio e non nun servizo.
- O que aquí se coñece como o plan Bolonia non é o plan Bolonia senón a implementación que se fixo en España coa escusa de Bolonia de unha reforma universitaria que penso que estivo moi mal levada. Moitos dos problemas xerados son de implementación así que algunhas cousas se poden mellorar sen incumprir Bolonia.
- É preciso revisar o mal chamado modelo de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior que se está aplicando na nosa Universidade. En realidade, non nos estamos adaptando a nada, xa que as Universidades do resto dos países europeos non están indo nesa dirección. E ademais corremos o risco de incrementar a carga docente do profesorado ata niveis insoportables, o que impediría compaxinar docencia e investigación, fracturando gravemente a propia esencia universitaria. Para poder aplicar o EEES axeitadamente, sería preciso que a ratio profesor/alumno non fose tan elevada como a que se da nalgunhas das nosas titulacións; en última instancia, podería dar lugar a unha situación na que fose completamente imposible impartir a docencia programada por falta de persoal.
- En moitos aspectos, unha gran oportunidade perdida pero, en todo caso, unha oportunidade para a mellora. Non se fan cambios a custo cero pero, se entramos na dinámica, debemos facer as cousas o mellor que podamos. Non podemos pensar que Boloña soamente é contestar cuestionarios, facer grupos e cursos no Cufie. Na nosa adaptación, Barja e o seu equipo extralimitáronse na burocratización, a cotío, sen sentido. Non se tiveron en conta as singularidades e necesidades de cada centro, optándose por un esquema monolítico que non é universalmente aplicable. Hai moito traballo por facer. Pero non poderemos facelo sen a complicidade dos centros, departamentos, docentes, estudantes e persoal de administración e servizos.
- Penso que é unha realidade á que nos temos que afacer e aproveitar as oportunidades que nos presenta. Oportunidades como á busca da calidade e a excelencia e a posibilidade de traballar máis perto dos alumnos con grupos máis pequenos e clases menos presenciais. É tamén verdade que non estou de acordo en como se implantou na nosa universidade, sen unha dirección clara, con improvisación e con resultados bastante dispares contando coa boa vontade e o traballo dos decanatos e as direccións dos propios centros.
- Comprométese a aumentar o número de horas impartidas en inglés? Como o faría, dado que o reitor non ten capacidade para o impor?
- Como figura no noso programa: potenciación da oferta de materias de grao e mestrado impartidas en linguas estranxeiras. Efectivamente, o reitor non ten capacidade de impor, soamente poderá impulsar por convencemento, e incentivando a participación do profesorado. Xa o fixemos, coa inclusión no POD de medidas que recoñecían a preparación de materias para impartirse en lingua estranxeira. Seguiremos por ese camiño e, ademais, estableceremos programas de mobilidade do profesorado, e unha oferta específica de cursos de competencia lingüística dirixida ao profesorado e ao estudantado.
- A situación é moi diferente en diferentes escolas e facultades. Nalgúns centros onde una grande porcentaxe do profesorado fala inglés con fluidez non sería difícil mais non sei como sería a situación no conxunto de todos os Centros. Tampouco teño moi claro ate que punto o alumnado podería seguir as clases en inglés. Mais estou disposto a incrementar os recursos para que o alumnado mellore o seu nivel en inglés e así consta no meu programa.
- Ao igual que sucede co número de horas impartidas en galego, as posibilidades da Reitoría de impor o emprego dunha lingua determinada son prácticamente nulas. O actual equipo reitoral optó por outorgar un descontó na carga docente ao profesorado que empregara o inglés como lingua vehicular. Poderiamos manter estas medidas, e mesmo implementalas, se tiveron un impacto apreciable no feito docente.
- Hai que ser conscientes das dispoñibilidades e as vontades que non é xusto (nin legal) violentar. Temos que considerar se o que queremos é que os nosos estudantes aprendan inglés ou preferimos que interioricen os contidos das materias que articulan un plan de estudos. Tamén é pertinente ter en conta que é necesario un certo grao de competencia lingüística para que un docente imparta unha materia especializada (que materia universitaria non o é?) nunha lingua distinta á habitual. Somos conscientes de que hai que mellorar neste campo e que é un obxectivo estratéxico pero non é posible dar un envorco da noite para a mañá. Con todo, si podemos facer apostas decididas á hora de incentivar eses obxectivos. Na medida das nosas posibilidades, así o faremos. Nesa liña, impulsaremos os programas de profesorados internacionais.
- É unha prioridade para nós porque o inglés abre a porta da internacionalización, tanto para a captación de alumnos extranxeiros como para a colocación dos nosos egresados e a mellora da nosa investigación. Na universidade contamos con expertos nesta área como o Instituto de Estudos Irlandeses, nos que pensamos apoiarnos para deseñar a estratexia de pulo para este idioma. Pero non so nesta área, como xa dixemos, hai que aproveitar os moi bos profesionais dos que dispoñemos na UDC nos distintos centros, para pontenciar o deporte universitario (Fac. de Ciencias do Deporte e a Educación Física), para as campañas de imaxe (Esc. Univ. de Deseño Industrial), o urbanismo dos campus (Arquitectura Técnica e Arquitectura) y tantos y tantos campos nos que agora acúdese a empresas externas puidendo dar oportunidades a xente da casa. En todo caso, nunca iremos pola vía da imposición e como xa comentei en outra pregunta, sempre falando coa xente implicada.
- Dadas as circunstancias, o proceso de conversión ao EEES (Espazo Europeo de Educación Superior) e o resultado final, como melloraría a situación actual dos graos e mestrados?
- Neste momento estamos nun proceso de avaliación e de seguimento dos títulos implantados. A situación actual non é a máis doada para a mellora da implantación do EEES, xa que son precisas adaptacións metodolóxicas e deinfraestruturas que dificilmente poderán abordarse coa rapidez e coa intensidade requeridas. Nós seguiremos apostando pola implantación de grupos reducidos e pola dotación de profesorado, medidas que facilitan a atención personalizada ao alumno. Este modelo docente, flexible, pode adaptarse, mantendo os seus principios básicos, as características do centro, do título e do ciclo educativo. Unha vez realizadas as primeiras avaliacións significativas apoiaranse as propostas de mellora dos centros.
Tocante aos mestrados, coido que temos que acentuar basicamente dúas cuestións: a súa internacionalización e o seu carácter interuniversitario. Isto lévanos de novo á cuestión básica da colaboración entre as universidades do SUG en primeira instancia e entre universidades do EEES para atraer estudantes e profesorado.
- Non se pode contestar a esta pregunta de xeito xeral porque os problemas son moi diferentes en cada centro. So podo dicir que será obriga do futuro reitor sexa quen sexa diagnosticar os problemas e por as medidas para resolvelos. Se o Reitor son eu sei que terei a enerxía e a vontade política de tentar analizar os problemas e buscar solucións de xeito imparcial sen sectarismos nin favoritismos. Non vou caer na inercia nen no acomodo.
- Co fin de garantir a viabilidade futura da nosa Universidade propomos, en primeiro lugar, levar a cabo un proceso de seguimento da implantación dos novos títulos e da adaptación de estudantes e profesores. E, coa finalidade de garantir unha oferta formativa de calidade para todos os estudantes, será preciso dotar a centros e departamentos dos instrumentos necesarios e, no seu caso, demandar ás administracións públicas os recursos necesarios.
- Para empezar, tendo en conta as singularidades e características de cada centro e titulación. Non poden ser tratados de forma homoxénea e monolítica. Os grupos de prácticas son un exemplo. A dotación de infraestruturas e equipos outro. Un terceiro exemplo é como se articulan certos tipos de actividade, como a formación asistencial. Esa sensibilidade, da que o actual equipo de goberno careceu, plasmarase nunha flexibilización das normas de desenvolvemento do EEES na nosa Institución aínda que respectando os compromisos adquiridos e a necesidade de manter homoxéneos certos elementos vertebradores do sistema (calendarios, guías docentes, procedementos de matrícula, etc.).
- Falta unha planificación para a implantación, sobre todo dos mestrados. Non se sabe cantos se poden implantar, cantos alumnos hai que ter cada ano e logo dende a Xunta de Galicia cámbianse as regras de xogo no medio dos partidos. Hai que aclarar puntos ca Xunta, hai que facer un plan a medio prazo e logo diso informar á universidade para que haxa unha estabilidade que permita a cada centro diseñar uns graos e mestrados nos que se poida contar con alumnos e con iso, ter un POD estable. Tamén hai que mellorar o apoio administrativo porque a carga de papeleo dos coordinadores de mestrados e dos responsables de titulacións é cada vez maior non tendo un recoñecemento ou desconto docente en relación co seu traballo.
- Reducirá o número de prazas ofertadas?
- Non somos partidarios da redución na oferta de prazas. A universidade pública ten o seu sentido último en facer posible o acceso á educación superior para todas as persoas que cumpran cos requisitos académicos previos. A razón de ser do servizo público é garantir a igualdade de oportunidades, sen discriminación de ningún tipo, sobre todo sen discriminación por razóns económicas.
- Todo o contrario o gran problema da UDC e conseguir mais alumnado. Podedes ver medidas para conseguir mais alumnado no meu programa.
- Non, rotundamente.
- Cada caso debe ser estudado con detalle. O número de prazas dunha titulación ten dúas connotacións: calidade na docencia (relacionada cos medios humanos e materiais dispoñibles) e sustentabilidade económica. Non son sustentables programas cun número moi reducido de estudantes. Por outra banda, existen restricións impostas, dende hai varios meses pola propia Xunta.
- Non vexo razón para reducir a oferta de prazas, máis ben, aumentala coa implantación de dobres titulacións de grao.
- Coa transformación ao EEES hai unha evidente saturación nalgunhas facultades, en particular nos grupos de prácticas. Que medidas concretas pensa tomar ao respecto?
- Nos tres últimos anos fixéronse esforzos para modificar as infraestruturas e as instalacións para poder desenvolver as actividades docentes nas novas condicións. Non podemos obviar que na situación actual é difícil dar resposta forma rápida a esas demandas, xa que o desenvolvemento de certas infraestruturas é lenta e costosa. En todo caso, cumpirá estudar en que medida unha reestruturación de efectivos de profesorado acompañada dunha xestión de espazos posibilitaría eliminar o problema da saturación dos grupos de prácticas.
- O proceso de transformación ao EEES esta a medias e esta a xerar diferentes problems en diferentes facultades e escolas. De novo aquí ´vai ser preciso tomar solucións diferentes aqueladas a cada caso.
- É este un tema de complexa resolución que precisa a adopción de toda unha batería de medidas: a) Revisar as normativas relativas ao tamaño dos grupos, de acordo coas características das titulacións e as necesidades dos centros e as súas instalacións e infraestruturas. b) Analizar e cuantificar o incremento da carga docente do profesorado como consecuencia da implantación do EEES. C) Analizar e cuantificar a asignación ECTS e a carga real de traballo do estudante, e propor mecanismos de coordinación docente para evitar a sobrecarga de tarefas. D) Dar apoio ao profesorado no desenvolvemento e implantación dos créditos ECTS e nas estratexias de innovación baseadas no uso de novas tecnoloxías da información aplicadas ao ensino universitario, ofrecendo formación específica. Ademáis, cómpre potenciar o repositorio institucional RUC e, no referido á docencia e estudo, o acceso aos denominados learning objects. Por último, consideramos imprescindible establecer mecanismos de recoñecemento das boas prácticas docentes.
- Na medida das dispoñibilidades, cada centro debe garantir a calidade da docencia que se imparte. Por tanto, no proceso de adaptación de titulacións deben terse en conta, de forma pragmática, as consideracións e posibilidades de cada centro. Ese pragmatismo (que resolve o problema nun momento dado) non debe entenderse como un sacrificio das posibilidades de mellora.
- Todo isto é fruto de falta de planificación. Como acabo de dicir, hai que estudar primeiro os problemas e facer despois plans de solución ou mellora. Os maiores problemas que temos indetificados son sobre todo coa adaptación dos espazos para as clases interactivas e de grupos reducidos. Os centros non estaban preparados e as obras de adapatación non se fixeron en todos os edificios a tempo. Está claro, por isto e as noticias da prensa do último mes, que é necesario unha reorganización das responsabilidades en Infraestructuras da universidade.
- Considera que a implantación do EEES pode supor a progresiva privatización e mercantilización do ensino, como denunciaron algúns sectores da comunidade universitaria?
- Evidentemente, a privatización e mercantilización do ensino superior é un risco na situación actual, así como no resto dos servizos públicos, sometidos a unha presión e a uns recortes que poderán facelos insostibles. Ante iso, apostamos decididamente por unha institución pública de formación superior, investigación e de transferencia de coñecemento. E isto significa contarmos cun sistema de goberno democrático, transparente e de participación, dispor dun financiamento eminentemente de orixe público para desenvolvermos a nosa función na sociedade, e asumir a responsabilidade da xestión eficiente destes fondos e dar conta do uso que deles se fai.
- Absolutamente no. Quen di iso non entende nada, ni do que é o EEES, nin do papel que debe xogar a universidade de prestar solucións tecnolóxicas á industria. ¿Ou é que preferimos que as nosas empresas lle paguen as patentes a Alemania en vez de contratar a científicos nosos para que investiguen e desenvolvan, dentro da universidade pública, con eses fondos, esas patentes e tecnoloxía que se precisa?.
- Non debería selo, pois o EEES responde á unha idea, en principio razonable, de facilitar a mobilidade entre os estudantes das universidades europeas; en todo caso, hai un perigo moito máis acuciante ao que teño feito referencia máis arriba, que é que o incremento da carga docente para os profesores e do traballo autónomo por parte dos alumnos chegue a facer insostible o propio ensino universitario.
- Non. Isto entra dentro do contexto dun certo discurso político sobre o que, dende unha perspectiva académica, non vale a pena afondar. Somos unha Institución pública de servizo público. No noso propio interese está o velar porque non se subvertan os fins públicos da Universidade.
- Hai moita xente que como tópico e demagoxia, sobre todo en eleccións, acude sempre á idea de universidade pública, en contra da privatización. Se a nosa universidade segue a ser pública, moito do seu persoal é funcionario ou laboral fixo, as taxas que pagan os alumnos teñen unha cobertura do seu coste o redor do 10%, etc., non vemos onde está a privatización. De feito o EEES supón os grupos de alumnos máis pequenos, unha maior carga práctica e de traballo dos alumnos e garantiza prácticas en empresas nos mestrados. En resumo, ben entendido o EEES supón unha mellor universidade. Inda así, porque lles interesa, seguirá certa xente ondeando a mesma bandeira do medo a privatización da universidade pública.
Infraestructuras
- Cal é a súa posición sobre a legalidade do novo edificio de investigación de Elviña?
- Temos que cumprir a legalidade sempre. Neste asunto, estamos a colaborar co Concello da Coruña para resolver a situación administrativa e convencelo da necesidade que temos de solo, para poder mellorar as nosas instalacións docentes, investigadoras e de servizos.
- — ver seguinte resposta —
- Resulta evidente que o comportamento do equipo reitoral neste tema (e non so do vicerreitor, convertido en cabeza de turco dun xeito, ao noso modo de ver, absolutamente inxusto) puido ser outro, pero non parece axeitado empregar este punto como arma arroxadiza no debate.
Hai un problema que o novo equipo reitoral deberá resolver e non é convinte botar máis leña ao lume e avivar un debate que nada bo aporta á imaxe pública da Institución; en todo caso, parece claro que non houbo ningún ánimo de lucro e confiamos en que será posible encontrar axiña unha solución ao problema, coa colaboración do Concello coruñés.
- Os problemas de legalidade non se limitan ao edificio nomeado. Esténdese a outras construcións, co que o problema xurdido en prensa (aínda que exposto no Claustro no pasado) é so o cume do iceberg. Dende a nosa percepción, deben facerse cantas xestións sexan pertinentes para restituír a legalidade sen menoscabo (o co menor menoscabo) dos recursos e imaxe da Institución. Dende o punto de vista da responsabilidade, poñerémonos a disposición das administración competentes para avaliar o alcance das vulneracións infrinxidas, facilitándolles canta información sexa necesaria.
No ámbito interno, creo que todo o equipo de goberno está comprometido e implicado neste asunto por ser consentidores e coñecedores do problema. E que non mintan, xa que eu mesmo denunciei en sede claustral nos dous últimos claustros. Por último, co gallo de evitar que unha situación coma esta se poida repetir, crearase una comisión de infraestruturas, delegada do Consello de Goberno, na que se renderán contas do estado e das obras e reformas executadas no dominio universitario. A creación desta comisión foi denegada por dúas veces polo equipo de goberno e así nos luce agora o pelo.
- Non é cuestión de ter unha postura o que hai é que saber a situación legal real. Neste caso hai que falar co concello, estudar a situación actual do edificio e negociar unha salida, agora sí con toda a legalidade, para evitar problemas no futuro con esta hipoteca do goberno de Barja. Inda que parece que o edificio sí que se fixo sen licencia, o importante neste momento é arranxar canto antes á situación para que se poida comezar a usar unha infraestructura tan importante para a Escola de Caminos e a Facultade de Informática.
- Está ao tanto da situación legal do resto dos edificios de Elviña?
- Neste momento está a revisarse polo miúdo toda a situación tanto por parte do Servizo de Obras da UDC e como pola comisión de traballo conxunta que crearon Universidade e Concello da Coruña para actuar con todo o rigor necesario neste asunto. As relacións entre as administracións públicas han de rexerse sempre pola busca do ben común para o conxunto da cidadanía e, neste ánimo, estou seguro que, sempre dentro da legalidade, estes traballos darán os seus froitos decontado.
- Este é un tema moi delicado no que debemos TODOS de ser extremadamente prudentes pois so pode redundar en problemas para a universidade.
- Ao non formar parte do equipo de goberno, carezo de información ao respecto e non podo (nin quero, por pura lealdade á institución) dar credibilidade a rumores. Non obstante, querería insistir en que o último que precisa a UDC é que estemos a airear permanentemente este sucedido nas páxinas dos xornais.
Lamento que as miñas respostas decepcionen a algún, pero non creo que se deba obter un rendemento eleitoral a base de crebar a imaxe da institución á que pertencemos.
- En liñas xerais si. Os detalles non son públicos e descoñecémolos. Ou se os coñecen non é por fontes oficiais da UDC como sería de esperar. Os datos que teño son verdadeiramente moi preocupantes pola gravidade e contía dos mesmos.
- Teño á información que ten toda a comunidade universitaria, a que nos chega pola prensa, porque o reitor non ten informado máis aló da destitución do vicerreitor de infraestructuras. Está claro que de chegar a reitoría, cumpre unha auditoría de contas e da situación xeral da universidade.
- A UDC é a única universidade do estado que carece de residencia pública, que opinión lle merece este feito?
- É totalmente inaceptable. Desde o principio do mandato iniciamos as xestións para ter un área residencial modélica no campus. Fixéronse as expropiacións e convocouse o concurso para a súa construción. Desafortunadamente o cambio na Xunta de Galicia paralizou o proceso.
Dotarmos á Universidade de residencias públicas en Ferrol e Coruña é unha das prioridades da acción de goberno.
Para os nosos estudantes actuais e futuros, alén dun ensino de calidade, é moi importante proporcionarlles lugares adecuados para viviren. Ademais, a existencia de residencias públicas nos nosos campus (con titulacións únicas no SUG e algunhas outras con moi pouca oferta en España), favorecería o acceso ás nosas titulacións de estudantes de distintos lugares non só de Galicia ou de España, senón tamén de estudantes Erasmus e doutros programas europeos e Latinoamericanos.
- Lamentable. Califica por si misma la dejación e falta de impulso do equipo de goberno e a necesidade de cambio que ten a UDC.
- Efectivamente, a nosa é a única universidade que non dispón de ningunha residencia pública, o que constitúe un agravio comparativo coas outras universidades que non ten ningunha xustificación e que se ven mantendo desde hai xa máis de vinte anos. Por iso, daremos a máxima prioridade á consecución de sendas residencias públicas na Coruña e en Ferrol. E non entendemos que se ofrezan sucedáneos de ningún xeito: os pisos alugados non son unha residencia pública, nin tampouco o é a existencia de prazas conveniadas en residencias privadas.
Unha residencia universitaria é moito máis que un lugar onde os estudantes poden durmir e comer por un importe razoable; é tamén un espazo de convivencia, de interacción social, de comunicación e intercambio de ideas, de cultura e de reflexión e a orixe de redes de amizade e colaboración que perdurarán toda a vida. E a UDC merece ter xa as súas residencias públicas e non seguir agardando máis tempo.
- É un problema histórico que require, xa, unha solución. Como situación, tacitamente recoñecida polos distintos gobernos da Xunta, non é aceptable.
- Xa cando fun Vicerreitor de Ferrol estiven traballando, naquel caso na área de Ferrol, na busca de terreos e financiación para a construcción dunha residencia. Máis de oito anos despois, o traballo avanzado non foi aproveitado por esta equipa de goberno e a situación é, coma indica a pregunta, xa dramática.
- Aceptaría algún tipo de modelo de xestión distinto do 100% público para a xestión da residencia? Aceptaría a entrada de capital privado para a súa construcción?
- Foi custoso convencermos á Administración autonómica das vantaxes do financiamento e da xestión pública. Co cambio de administración tivemos que volver a empezar. Quen financia debe ser a Xunta de Galicia, como fixo noutros campus. Parécenos fundamental optarmos por un modelo público e sen ánimo delucro, como garantía de non discriminación por razóns económicas.
Estamos dispostos a acometer a construción da residencia en Ferrol con fondos propios da Universidade. No ano 2012 poderíanse destinar fondos para comezar a rehabilitación de tres pavillóns do antigo cuartel Sánchez Aguilera, nos que está previsto situar a residencia, coma xa declarei recentemente en La Voz de Galicia.
- Non se pode contestar en abstracto. Haberíaa que valorar diferentes opcións. Se teño que elixir entre non ter residencia ou tela nun réxime de concesión ou algo similar prefiro ter residencia. Iso si, a prezos baixos e con capacidade de decisión sobre a súa xestión.
No actual marco económico vai ser moito mais difícil facer que toda a inversión sexa pública. Nova Luce estivo 8 anos no goberno e deles a primeira parte non había crise.
- Estas posibilidades non nos parecen axeitadas. Por iso, e no caso de que os plans desenvolvidos ata o momento (e que pensamos negociar) se manifestasen finalmente inviables, existen outras posibles solucións, como a adquisición dun inmoble xa construído e desocupado. No caso da Coruña, por exemplo, a adquisición do edificio Esvida permitiría resolver a situación nun prazo moi breve.
- Co fin de desbloquear este problema histórico si. No ben entendido que os prezos da súa xestión deben ser públicos, o servizo de calidade, e as condicións de rescate ou reversión ao público óptimas para a UDC. É importante ser quen de dar un servizo de calidade e a prezos públicos, aínda que esixa facer un sacrificio que, en todo caso, debe entenderse como temporal. É importante remarcar que, en todo caso, o chan sobre o que constrúan as residencias será da UDC. En canto a como financiar a construción, non debemos pecharnos a ningunha fórmula pero velando polo noso patrimonio e a calidade dos servizos prestados á comunidade. Como solución inmediata propoño unha "cloud residence" ou residencia multidistribuída con servizos de limpeza, acceso a Internet, almorzo, xantar e cea en locais concertados, aproveitando os pisos baleiros preto dos campus. As ocorrencias como a compra de "ESVIDA" non son viables polo prezo e mesmo polo seu concepto.
- A nosa primeira opción é que a universidade conte con residencia propia, co modelo de Colexio Maior. Unha vez conseguida, estamos dispostos a falar e negociar calquera posibilidade que apareza para que os nosos estudantes presentes e futuros, pero tamén os profesores visitantes, teñan as mellores opcións para estudar e traballar na UDC, sen preocuparse do tema do aloxamento.
- No caso de xestión privada, cales serían as consecuencias segundo vostede respecto a un modelo integramente (titularidade e xestión) público?
- O prezo por aloxamento debe ser sempre un prezo público de aproximadamente 100 euros/mes e deben poder utilizarse as instalacións para encontros, congresos e actividades universitarias. Cómpre realizarmos un estudo rigoroso sobre cales son os verdadeiros números asociados á prestación dun servizo a través das concesións administrativas dentro do noso ámbito. En todo caso, deberemos salvagardar a calidade do servizo prestado, blindar as características económicas en que se presta e asegurar a reversión das instalacións unha vez rematada a concesión nas mellores condicións para a universidade.
- — ver seguinte resposta —
- Non contemplamos a xestión privada da residencia, senón un modelo íntegramente público.
- Dende o punto de vista do usuario, non tería por que ter impacto algún aínda que debe asegurarse que os prezos pola prestación do servizo sexan públicos e contar cun axeitado programa de axudas e becas. Así mesmo, debe esixirse a mellor calidade ao tempo que sexa posible a recuperación da titularidade pública unha vez rematado o período de concesión.
- Está claro que os prezos da xestión privada estarán orientados a cubrir costes e gañar diñeiro, o que non ten que ser por si solo malo, xa que existindo oferta suficiente, a propia competencia axustará os prezos en relación os costes. Obviamente estes prezos non subvencionados polo sistema público serán maiores, pero contando xa con residencia pública, estamos falando de recursos adicionais para o servizo da universidade. A parte positiva é que o número de prazas de residencia comezaría a aumentar e superar esta mala situación pola que preguntábades na anterior cuestión.
- Qué tería feito vostede, ante a apremiante necesidade de espazo, no caso do novo edificio de investigación de Elviña?
- O mesmo que se fixo. Promover unha modificación parcial do plan para regularizar á situación, mesmo colaborar no plan Busquets para ampliar os terreos da Universidade.
- — ver seguinte resposta —
- Xa manifestamos a nosa opinión acerca dos sucesos que envolven ao novo edificio de investigación. Dada a situación actual, procuraremos que se regularice a súa situación xurídica, de xeito que poidamos dispor deses necesarios espazos.
Pero non debemos esquecer que hai outros edificios que se encontran igualmente nunha situación delicada: é o caso do edificio do CITEEC, moi dañado e cun enorme risco para os valiosos equipos alí depositados.
- Si se refire ao edificio do aparcadoiro de Informática, xa se quedou pequeno antes da súa posta en servizo. É preciso recolocar servizos xa que hai espazos dispoñibles nalgúns centros, antes que construír no que non é noso e para o que non temos licenzas.
- Falar e negociar co Concello (de Ferrol e de Santiago) e Xunta. Xusto o que non se fixo ata o de agora. O que non se pode facer e elixir a ilegalidade como primeira opción. É necesario mellorar a presencia e a relación coas administracións máis cercanas para conquerir superar os atrancos que xurden tódolos días. Tede por seguro que facéndonos oir nestas instancias conqueriremos, ó menos, o que nos corresponde.
- Pensa manter o proxecto do Campus Center? En que horizonte temporal?
- É un proxecto central da reordenación do campus de Elviña que vai estar condicionado polo seu financiamento.
- — ver seguinte resposta —
- Dada a actual situación (económica, mais tamén legal), é a nosa intención reconducilo e facelo viable; o Campus Center non é un proxecto que figure entre as nosas preocupacións máis inmediatas.
- A decisión final será función dos compromisos adquiridos e, por extensión, o respecto á legalidade. Como punto de partida, barallamos a paralización do proxecto. Para redeseñalo por unha unidade da UDC ao longo da lexislatura.
- Os proxectos planificados pola actual equipa de goberno, tanto o Campus Center coma a Residencia de Elviña, entre outros, precisan dun presuposto enorme na súa realización. Como xa denunciamos no noso blog, toda á universidade precisa de melloras (ver por exemplo, pero non só, o campus de Elviña, o de Serantes ou o de Riazor) algunhas moi urxentes. Todas as infraestructuras comentadas fan falla, pero preferimos estudar en profundidae os proxectos e replantealos de feito realista para que se poida facer tanto a Residencia como o Campus Center, pero tamén incrementar as aulas en Nautica, xuntar recursos para a Escola Politécnica de Serantes, etc., todo iso probablemente co presuposto de só un dos proxectos pensados polo ex-Vicerreitor de Infraestructuras.
- Comprométese públicamente á construcción de todos os restantes edificios Área Científica do Parque Tecnolóxico da Universidade? En que prazo?
- Si. Coas mesmas limitacións do campus Center, utilizando fondos europeos e anticipos reemborsables dos programas de parque tecnolóxicos.
- Todas esas preguntas non se poden contestar agora coa seguridade de poder cumplir o que se diga. Haberá que facer grandes esforzos para conseguir financiamento, estudar as prioridades e tomar as decicións oportunas. Ao que si me comprometo publicamente e a poñer todo o meu empeño en mellorar as infraestructuras da universidade, sen favoritismos e considerando obxectivamente as necesidades.
- Como xa dixemos no comunicado publicado no noso blog, a gravidade da situación na que nos vemos esixe actuar con extremada cautela. Por este motivo, e sen coñecer toda a documentación sobre o tema obrante na Reitoría, non resulta posible propor prazos para a construción dos edificios necesarios no Parque Tecnolóxico.
- Non podo aceptar ese compromiso. Na situación actual descoñecemos o estado financeiro da UDC, os compromisos contraídos e as cargas que poden sernos aplicadas (devolución de fondos, multas, xuízos,…) como resultado da xestión de Barja e o seu equipo. Se nos comprometemos a revisar en profundidade a situación legal e os compromisos adquiridos. A verificación de construción de novas instalacións será función dos fondos comprometidos dispoñibles, a viabilidade e o interese obxectivo na actualidade. Unha vez dilucidadas cada unha das cuestións previas estaremos en condicións de acometer as obras con garantía de poder acabalas.
- Seguindo coa idea da resposta da pregunta anterior, todas as infraestructuras das que estamos a falar son importantes para a universidade, pero temos que traballar cos orzamentos que manexamos. Está claro que a investigación e a transferencia son puntos moi importantes para o futuro da universidade polo que imos apostar por iles. Por tanto, ¿se farán estes edificios? rotundamente sí, faranse novos edificios dedicados a investigación e transferencia a empresas, pode que co proxecto existente ou modificándoo, e os praxos os marcarán as disponibilidades orzamentarias, en canto se poida, pero equilibrando as inversións entre as urxencias xa comentadas e os novos proxectos para facer máis grande á UDC.
- Que é mais importante, os novos edificios de despacho detrás de Camiños, os edificios de investigación do entorno do CITIC, o Campus Center ou a residencia?
- Todos son necesarios. Os edificios docentes motivados pola nova estrutura dos grupos reducidos, que permiten unha mellor atención ao alumnado; os edificios do parque tecnolóxico, para atender ás necesidades de innovación e transferencia; e a residencia, para atender ao estudantado de fóra da cidade.
- Na miña opinión a falta de residencia e o que ten mais incidencia pois nos difuculta captar alumnado que eleixen outras universidades que lle ofrecen ese servizo.
- Aínda que non cabe dúbida da importancia de novos espacios necesarios para a investigación e de que contar con 200, 300 ou 600 prazas non vai solucionar a problemática do aloxamento estudiantil, o tema da residencia ten un componente simbólico que lle confire especial significación. Ademais, dispor dunha residencia pública é unha ferramenta fundamental para que unha universidade poida competir e desenvolver políticas eficaces de captación de estudantes e de internacionalización.
- Hai algúns edificios xa construídos e outros a medio construír. Hai necesidades históricas e acuciantes. No capítulo de infraestruturas imos ser moi cautos. En relación co Campus Center, imos a ver cal é a situación real e os compromisos deste proxecto. Se é o caso, este proxecto será paralizado. Por outro lado, o caso particular do CITEEC require dunha acción especial. Non pode manterse na situación actual e faranse os esforzos posibles para garantir a súa habitabilidade en condicións de seguridade para as persoas, custosos equipos singulares e instrumentos tecnolóxicos de precisión.
- Por suposto que dende o meu punto de vista a Residencia debido a quen non existe outra infraestructura equiparable na universidade, xa temos edificios de despachos, aulas, investigación ou servizos, pero inda non temos ningunha residencia.
- Pensa que a conexión da liña E de autobuses é suficiente entre os Campus da Coruña e a cidade? E a conexión entre Ferrol e A Coruña?
- Sería máis adecuado dispor dunhas liñas de autobús urbano que facilitasen a mobilidade dende máis puntos da cidade, para evitar trasbordos e reducir os tempos de acceso ao campus dende os barrios. Mais esta posibilidade non depende de nós. O noso compromiso é de colaboración coas autoridades competentes na implantación de traxectos de buses por barrios con orixe ou destino nos campus da UDC.
Malia que o número de autobuses entre Ferrol e A Couña pode ser suficiente, entendemos que o custo do servizo é excesivo. Os sistemas de axuda que existen actualmente –por exemplo, o abono mensual de 20 billetes– non conseguen facer deste medio de transporte un sistema eficiente para o seu emprego normal. É dicir, segue a ser demasiado caro para quen o ter que usar regularmente.
A resolución deste problema non é competencia da universidade. Ao contrario, somos nós os universitarios os que padecemos a falta de acordo entre as diferentes administracións no tocante á definición dunha área metropolitana que funcione realmente e sirva para solucionar os problemas da poboación. A solución podería pasar por integrar a Ferrol e A Coruña nunha mesma área metropolitana. Isto contribuiría a resolver unha boa parte do problema do transporte
- — ver seguinte resposta —
- A liña E tense mostrado bastante eficiente para cubrir unha ampla zona que arrinca desde a Praza de Pontevedra (especialmente nas súas viaxes de volta grazas ao carril bus). Non obstante, son moitas as áreas da cidade que merecerían tamén o trazado de novas liñas (desde Os Rosais por Ronda de Outeiro ou Ronda de Nelle; desde Monte Altoa través do paseo marítimo polo Orzán, etc.). E todo isto sen esquecer que a existencia de novas liñas contribuiría a incrementar o emprego dun sistema de transporte moito máis sostible (lembrade que o transporte á universidade comporta o 43% das 3.475 hectáreas de bosque que constitúen a súa pegada ecolóxica total).
Tampouco debe esquecerse (e da formulación da pregunta dedúcese que tamén vos sucedeu a vós) que na Coruña hai outros campus (non só os de Elviña e A Zapateira) que precisan unha ampliación substancial do transporte público (como o de Oza), sen deixar de lado tampouco ao INEF.
No caso de Ferrol, as conexión entre os campus de Serantes e Esteiro son, por dicilo suavemente, "manifestamente mellorables".
En canto á conexión Ferrol-A Coruña, cómpre mellorar o escasísimo servizo de transporte que funciona actualmente, e estamos a examinar a posibilidade de conectar os Campus de Ferrol cos da Coruña cun bus dotado con WI-FI que ofreza un amplo horario.
- Á luz das inquedanzas dos usuarios, ambas liñas son insuficientes tanto en termos de frecuencia coma na do traxecto. No caso de Ferrol tampouco é satisfactorio o prezo. Recibimos múltiples queixas estes días ao respecto.
- A cuestión do transporte é sempre mellorable, temos apeadeiro de trens máis non temos trens, hai aparcadoiros pero seguro que teríamos prazas libres se molloráramos o transporte público e o número e horario dos buses de Coruña e Ferrol teñen que ser revisados e adaptados as necesidades dos estudantes e persoal docente e de administración e servizos.
- Que medidas de apoio ao transporte público, tanto urbano como interurbano, pensa tomar, tendo en conta que non é competencia da Universidade?
- A cuestión está en que dende a Deputación, Concellos ou Xunta resolvan un tema crucial: o transporte. Desde a Universidade o que podemos é presionar para que se poñan de acordo.
Non debemos esquecer o tren. Temos que convencer as administracións públicas –concellos, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña- que se precisa un ferrocarril que, procedente do contorno da Coruña, teña maior frecuencia de paradas no Campus de Elviña. Se actualmente o uso é anecdótico por parte dos usuarios é porque non se percibe como un medio eficiente de transporte. Temos que promover conxuntamente políticas de transporte público actuando sobre os prezos do billete e sobre o número de servizos ao campus en todas as direccións. Isto ten que ser necesariamente unha actuación política decidida e valente, senón fracasará. Este servizo ten que completarse cun servizo de bus intracampus para conectar o apeadeiro cos centros de Elviña e da Zapateira.
- — ver seguinte resposta —
- Certamente o transporte público non é competencia da Universidade, mais temos a obriga de defender diante das distintas administracións os intereses dos membros da nosa comunidade (alumnos, PAS e tamén profesores, pois todos eles empregan o transporte público). En todo caso, non debemos caer na demagoxia, pois se falamos de "transporte público" interurbano nun senso estricto, deberiamos limitar as nosas actuación aos camiños de ferro, e suponemos estará na mente de todos que será preciso tratar de influir tamén sobre as empresas privadas de trasporte por estrada.
- O transporte público aos campus da UDC e entre campus dela é mellorable e constitúe un problema recorrente. Permitímonos apuntar tamén ao problema do transporte dende as áreas metropolitanas da Coruña e Ferrol cara os seus respectivos campus. A Universidade non é responsable do transporte (xa que esa función debe ser cuberta por outras administracións) ni ten capacidade para o outorgamento das correspondentes licencias administrativas de transporte público. Dito isto, hai que facer tódolos esforzos para mellorar esta situación aportando, se é preciso (sempre dentro das nosas dispoñibilidades), recursos económicos que mitiguen o problema. No ámbito do práctico, negociaremos cos concellos correspondentes melloras de frecuencia e paso de servizos, estudaremos a posibilidade de cambios de traxecto e tentaremos implicar aos concellos veciños na implantación de liñas coas áreas metropolitanas da Coruña e Ferrol. Outra posible acción na que xa fixemos xestións previas ante a Xunta cun resultado moi factible, sería habilitar liñas directas entre os distintos concellos e os campus, podendo solicitar subvencións da Deputación e dos propios concellos.
- A nosa aposta na mobilidade e falar cos Concellos para buscar a mellor solución, no canto de horarios ou número, segundo o comentado no punto anterior, tanto de forma bilateral como dende a propia universidade.
- Considera que os requisitos para a concesión do bono-bus universitario son axeitados? Se non é así, como deberían de ser? Debería ampliarse, reducirse ou é suficiente?
- Nun contexto en que o transporte público económico xeralizado non é posible, hai que priorizar. Facelo por renda e patrimonio é o modo de apoiar o acceso ao ensino universitario das colectivos máis desfavorecidos.
- — ver seguinte resposta —
- Entendemos, ao falar do bono-bus sen maior precision, que a pregunta non fai referencia concreta a ningún dos programas que actualmente reciben este nome (o bono-bus universitario do concello da Coruña, o de Ferrol, o de Fene e Narón). Entendemos tamén que cando se alude aos requisitos non se trata de se hai que entregar fotocopias do DNI, da declaración de Facenda da unidade familiar ou un certificado de empadronamento, senón sobre os umbrais de renda que impiden hoxe “de facto” que moitos alumnos poidan obtelo. Neste punto temos un criterio semellante ao que indicamos ao tratar da posible gratuidade do ensino universitario: entendemos que o bono-bus debería extenderse progresivamente á totalidade do estudantado, mantendo prezos mesmo máis baixos que os actuais: un transporte público barato pode contribuir enormemente á redución da pegada ecolóxica da nosa universidade.
- Considero que o prezo do billete é adecuado, xa que unha redución do 70% está axustada ao fin social que pretende. Á UDC cústalle 225.000 euros. Nembargantes, son moitos os que se queixan de que non conseguiron que llo concedan e de que os trámites son moi complicados. A porcentaxe de denegación é do 30%.
- Están baseados na renda familiar. Como xa se comentou en outras respostas, ante os recursos limitados desta época que vivimos é necesario priorizar. A nosa aposta é conseguir incrementar a implantación do bono-bus, evitando desprazamentos en transporte particular, tendendo a universalización da utilización no ámbito universitario. Falando cos concellos traballaremos no desenrrolo de servizos propios universitarios de transporte hacia e inter campus que poidan complementar e mellorar a oferta actual.
- Considera preciso un plan de mobilidade enfocado á progresiva diminución do trasporte particular dos membros da comunidade universitaria?
- Por suposto. Nos últimos anos, a UDC veu impulsando diversas actuacións nesta liña. É imprescindible un impulso do uso do transporte público e unha promoción do acceso non motorizado aos campus, co obxectivo de reducirmos a dependencia espacial, enerxética e económica do vehículo privado (carrís bici e sendas peonís no campus, resolver problemas de acceso, aparcabicis, etc).
- Evidentemente, a aposta polo trasporte público é a única saída ecoloxíca e economicamente sustentable. Mellorar o trasporte require unha mellor e maior presenza da UDC na cidade e un estreitamento de laxos co concello.
- Como indicamos nunha resposta anterior, temos unhs seria preocupación pola pegada ecolóxica da nosa universidade e, precisamente, máis do 40% dela é responsabilidade do transporte; sen dúbida é preciso favorceer a utilización dos transportes colectivos coa finalidade de diminuir o recurso ao transporte particular.
- Si, mellorando o transporte público pode conseguirse este efecto.
- Como xa comentei na pregunta anterior o consideramos preciso e traballaremos cos concellos para conseguilo.
- Son suficientes os orzamentos que a Xunta adica á UDC? Aumentaron ou diminuíron nos últimos exercicios?
- A principal fonte de financiamento de UDC, como universidade pública, son as transferencias da Xunta de Galicia. Nos últimos anos este financiamento está a reducirse, e co plan de financiamento do SUG, esta situación manterase no tempo. Cun financiamento deficitario limítase seriamente a capacidade desta institución para atender as necesidades dunha área xeográfica cun elevado dinamismo.
- Xa falei desto antes. O plano de financiamento actual e moi perxudicial para a UDC. Loitaremos por cambialo mediante o dialogo e a mellora de relacions institucionais coa Xunta.
- Non, os orzamentos son insuficientes porque seguen arrastrando un déficit "histórico" coa nosa Institución. Todo iso agravouse na última negociación do plan de financiamento ata o 2015, onde se introducen unha serie de criterios variables en función de produtividade e excelencia, que non favorecen á nosa universidade (os fracasos reiterados en conseguir un Campus de Excelencia tampouco axudan), non cumpren o seu obxectivo con carácter xeral e parecen, máis ben, ser redactados a medida doutros. É imprescindible renegociar ese plan coa Xunta (e o SUG).
- Non son dabondo e, en boa parte, isto é produto dunha deficiente negociación e dunha nefasta xestión da UDC nos pasados 8 anos e de presumir de superavit en algunhas ocasións. O financiamento das universidades realízase dentro do contexto dun plan plurianual de financiamento. O último Plan de Financiamento do SUG (o 2011-2015), aprobado en decembro de 2010 (e do que moi escasa información se trasladou á comunidade universitaria) damnifica claramente a nosa Institución. Se ben nos pasados plans de financiamento un dos eixos fundamentais de reparto de fondos era a dotación por estudantes matriculados, na actualidade pasouse a un criterio baseado en resultados obtidos a partir de indicadores sesgados ou que, en todo caso, posiciónannos nunha mala situación. Durante os pasados anos o equipo de goberno de Barja intentou facer valer a eficacia na xestión como valor exemplificante da súa xestión, sacrificando calquera outra consideración. Sen embargo, a xestión de Barja foi todo menos eficiente (non diremos xa transparente). Isto ponse de manifesto nos problemas de legalidade, colapso institucional e falta de credibilidade xeral. Non é de estrañar que a extrema debilidade coa que acometeu o proceso negociador nos conducise a un resultado tan nefasto¡¡ E ese plan comprométenos durante 4 anos!! O financiamento que pon a Xunta á nosa disposición é claramente insuficiente para acadar obxectivos de converxencia europea, nivelación interuniversitaria, fortalecemento institucional ou de competitividade. Non soubemos facer valer as nosas potencialidades coma a inserción laboral dos nosos egresados ou o grao de satisfacción do sector produtivo cara á formación que impartimos.
- Hai anos, cando se produxo o nascimento das universidades de Coruña e Vigo, falábase de orzamentos para as universidades que buscaran o equilibrio entre elas o partires dunha antiga e moi asentada, Santiago, e dúas novas, máis tecnolóxicas e con persoal moi novo, Coruña e Vigo. Nos inda recordamos e apoiamos esta primeira idea, non é que só queramos máis orzamento, queremos que, dentro do que por dereito e número de alumnos correspóndenos, se busque este equilibrio que faga medrar á universidade galega no seu conxunto. Inda que os orzamentos que veñen da Xunta, nalgunhas partidas poida parecer que medran, hai que pensar que os fondos de investigación, bolsas de estudos, programa Labora, etc. disminuiron, senon desapareceron. Polo tanto, en conxunto, sumando as achegas directas e indirectas, claramente disminuiron os cartos que a Xunta dedica as universidades, polo menos á de Coruña.
- Actualmente as instalacións deportivas só están abertas pola tardes. Ten pensado aumentar a franxa horaria de apertura das infraestruturas deportivas?
- Efectivamente, pretendemos ampliar o horario de apertura das instalacións deportivas para que permitan compaxinar adecuadamente a actividade deportiva e os horarios académicos, e mellorar así a calidad de vida nos campus da UDC.
- Si, está no meu programa.
- É certo que en moitos casos é a pura inercia o que provoca certas situación; aínda que se considera que a práctica deportiva é máis común durante as tardes, debido a que as clases adoitan transcurrir en horario de mañá, son cada vez máis os que tentan aproveitar os seus escasos momentos libres para desenvolver un saludable exercicio. Non debería dificultarse a utilización das nosas infraestructuras e ampliaremos a súa franxa horaria.
- O incremento da franxa horaria do servizo das infraestruturas deportivas realizarase despois de facer una avaliación das necesidades materiais, persoais e de demanda sostida real. Estudarase con rigor, pero se queremos promover o deporte entre a comunidade universitaria, é preciso que estean dispoñibles mañás e tardes. Non me acaba de gustar o letreiro de "prohibido el paso" nas portas de acceso das instalacións deportivas da Universidade.
- En primerio lugar, xomo xa comentamos en outros temas, o que imos facer en distintos ámbitos é contar cos expertos que xa traballan na universidade e para facer unha planificación sobre o deporte universitario imos consultar coa Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física. Sobre a pregunta concreta, está claro que as instalacións deportivas da universidade teñen que poderser usar pola comunidade universitaria (cousa que, por exemplo, non se pode facer nestes momentos co campo de deporte de Elviña) nos horarios máis axeitados. Hai alumnos, PAS e profesores que teñen horaios de mañá ou de tarde polo que parece lóxico que as instalacións tamén abran nos dous horarios como o resto dos servizos da universidade. Eso sí adaptando a intensidade do servizo á demanda que se produza para evitar despilfarros.
Lingua
- É favorábel a realizar unha política de discriminación positiva sobre o galego?
- Si. Tras moitos anos de silenciamento e invisibilidade social da nosa lingua propia, para normalizar o uso do galego no ámbito universitario, precisamos dunha política de estímulo a moitos niveis. Só así se poderá lograr a igualdade real dos falantes de galego cos falantes doutras linguas de maior prestixio social.
- — ver seguinte resposta —
- Como manifestamos no noso programa, sentímonos comprometidos coa lingua e a cultura de Galicia, polo que consideramos que, ao estar aínda o galego nunha situación precaria, é preciso contribuir, tamén desde a Universidade, á súa recuperación.
- Entre os fins da Universidade está a preservación e difusión do legado cultural de Galicia. Hai moitos xeitos co que isto se pode facer. Eu propoño realizar accións proactivas e positivas a favor da lingua da nosa terra.
- Non son favorable a ningunha discriminación, sexa ou non positiva. O que son partidario é de que os nosos estudantes saian o mellor preparados que poida conseguir en tódalas áreas e tamén na dos idiomas. Polo tanto, penso apoiar o uso do galego pero tamén do inglés como vía de internacionalización da nosa investigación e das posibilidades de traballo dos nosos egresados.
- Considera que, como cargo institucional, é necesario que as declaracións públicas do reitor sexan en galego?
- Como veño de afirmar, o uso do galego como lingua normal da Universidade é unha das máis potentes ferramentas ao noso dispor para restituír o seu prestixio a nivel social. O reitor, como máximo representante da comunidade universitaria, debe expresar nidiamente, e no día a día, ese compromiso coa recuperación da nosa lingua propia: non só nas declaracións públicas, senón no uso cotián,
normal, do galego.
- — ver seguinte resposta —
- Si, sen dúbida.
- Si, claro. Ha de ser o vehículo normal de expresión institucional da Universidade. Non obstante, nas relacións cotiás, a normalidade da libre elección do idioma de expresión debe primar.
- Por suposto que sí no ámbito de Galicia.
- Ten en mente algunha medida en particular para promocionar o uso da língua galega?
- Non unha, senón moitas. Afortunadamente, os alicerces que asentamos neste ámbito durante os dous mandatos anteriores son moi sólidos. En materia de normalización da lingua, a política pública non pode consistir nunha só medida, senón que debe responder a unha correcta planificación: eis o Plan de Normalización Lingüística da UDC, aprobado en 2006. Eis o noso roteiro, que deberemos desenvolver mediante a participación e a implicación de todos e todas.
- — ver seguinte resposta —
- En liñas xerais, os equipos rectorais que gobernaron esta universidade fixeron un notable esforzo na promoción da lingua galega e a nosa intención é continuar na mesma liña.
- En Galicia estanse xerando produtos culturais de gran calidade en galego e a Universidade da Coruña pretende participar deste movemento e, ademais, ser un dos seus escaparates, mostrando o máis amplo abano posible, colaborando con outras institucións ou organismos coma os Concellos da Coruña e Ferrol, a Deputación da Coruña ou outras Universidades, para poder facer visible os traballos máis aló da nosa Universidade e achegar a arte e a cultura universitaria ao público da cidade así como a outras comunidades universitarias e á sociedade en xeral. Crear un festival intercultural con tintes internacionais que abarque tódalas expresións artísticas con "master classes", dentro dun programa moi estudado, e habilitar distintos espazos para o teatro, danza e artes plásticas, concertos dentro dun ciclo de "Word Music" que podería chamarse "sons da UDC". Outra proposta é facer un ciclo de "Literatura arredor da lingua" dando cabida a tódalas expresións literarias. Potenciar os produtos artísticos e culturais da Universidade e a iniciativa cultural da UDC co fin de crear un espírito cultural exportable que busque a relación coa sociedade. A lingua galega é un dos sinais de identidade máis importante de Galicia sendo o galego unha lingua moi unida á poesía e á literatura.
Accións proactivas, en positivo, na defensa e conservación da cultura e lingua de Galicia:
- Uso do galego polo Reitor e os seus órganos colexiados como lingua principal en tódolos actos en que participen, sempre que o sentido común así o indique por cortesía ou polo propio interese da Universidade.
- Financiamento da edición e tradución das teses de doutoramento e de documentos científicos.
- Redución das taxas pola utilización das infraestruturas da UDC para actos nos que se empregue principalmente o galego e fomente a cultura galega.
- Promover a celebración periódica frecuente de actividades de índole cultural como encontros de literatura, festival de curtas e vídeos, xornadas teatrais, exposicións artísticas entre outros.
- Dende logo non quitar horas de clase os profesores por dicir que van dar as clase en galego. Nos promocionaremos máis medios da Servizo de Normalización Linguística para apoiar os materiais producidos en galego dende a universidade.
- Comprométese a aumentar o número de horas impartidas en galego?
- Por suposto, un dos nosos compromisos é o de aumentar a docencia na nosa lingua propia, e para iso estamos traballando conxuntamente coas tres universidades do SUG na elaboración de materiais didácticos en galego para as distintas ramas do saber. Temos tamén o compromiso de aumentarmos a investigación e publicación de obras científicas en galego.
- — ver seguinte resposta —
- Como indicaban vostedes nunha pregunta moi similar acerca do inglés, as posibilidades da Reitoría de impor o emprego dunha lingua determinada son prácticamente nulas. É pos iso que o actual equipo preferiu adoitar unha política en positivo, concedendo un descontó na carga docente ao profesorado que empregara o galego (ou o inglés) como lingua vehicular. Conviría comprobar se estas medidas se están a mostrar realmente efectivas, cun incremento apreciable do ensino en ambas linguas; de non ser así, sería preciso buscar novas alternativas.
- Se hai grupos completos que solicitan a clase en galego non habería problema en impartir toda a docencia en galego. Mentres nos sexa así estamos limitados polo propio financiamento da UDC e as posibilidades de contratar profesorado.
- Nos promocionaremos o seu uso entre toda a comunidade universitaria. Non creemos que á imposición sexa a mellor estratexia para que se incremente o seu uso. Nos creemos en facilitar e apoiar.
- Que opina sobre o Plano de Normalización Lingüística da UDC?
- Como xa dixen antes, é o noso roteiro neste ámbito. Estamos fondamente orgullosos da súa aprobación mediante o consenso de toda a comunidade universitaria, e esperamos seguir contando con el para o seu desenvolvemento durante os vindeiros catro anos.
- Paréceme que o galego é estratéxico e que se pode potenciar o seu uso sen que ninguén se sinta discriminado. Penso manter unha liña de continuidade no que se refire a normalización lingüística. Nos estatutos da universidade xa se establece o compromiso da UDC co galego e eu non penso rebaixar ese nivel de compromiso.
- Se a Universidade desexa realmente potenciar a utilización da lingua galega, precisará, claro está, un plano de normalización lingüística. Neste caso, como en moitos outros puntos, o que haberá que facer é comprobar a súa eficacia real e, se os froitos non son significativos a favor do emprego da lingua galega, precisaremos revisalo.
- Que ten certos elementos coercitivos que non me gustan e xa dixen que a miña proposta é de accións proactivas en positivo a favor do galego
- Pensamos que é necesario unha actualización do Plano que foi elaborado e aprobado no ano 2006. Necesitamos facer unha nova análise do estado da língua galega na universidade para seguir traballando a prol dela.
- Armesto
- Castedo
- Navarrina
- Pazos
- Recuero